Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A música vénlle de familiaO mestre Carlos García Bayón foi quen confirmou aos pais de Enrique Paisal por onde ía a vocación deste palmeirán que leva toda a vida pegado a un pentagrama.

La Voz

BARBANZA

16 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Natural de Palmeira, de familia de músicos -seu pai, tíos e avó formaran parte dunha banda-, Enrique Paisal convive desde neno co piano, o harmonio e o clarinete. Con 6 anos empeza a moverse entre pentagramas e aos 8 aprende con seu pai acordeón e piano, mentres estuda a Primaria na escola de súa nai. Inicia a Secundaria con Carlos García Bayón, que confirma aos seus proxenitores que o del é a música. Trasládase axiña a Santiago para simultanear o Bacharelato cos estudos de grao medio e superior de música no Conservatorio da capital, con Ángel Brage. Mentres, aos 14 anos, comeza a súa carreira de concertista no Hostal dos Reis Católicos formando parte dun quinteto.

Máis tarde saborea o éxito con Los Tamara sen descoidar a súa formación, e toma clases de Harmonía Moderna e Contemporánea, Jazz, Bossa Nova e Improvisación. Pasa logo media vida como pianista en salas e hoteis de moda, e acompaña tamén a cantantes coma Ana Kiro ou Miguel Ríos nalgunhas xiras.

O estilo

O seu estilo irase definindo coa influencia das pezas clásicas e da música italiana dos anos 60 que interpretou co famoso grupo. Di que para ser concertista de música clásica hai que ser un virtuoso, case perfecto, pero a súa carreira foino levando por outros derroteiros onde triunfaban os boleros e a música lixeira, aínda que sempre leva algunha peza clásica, un valor seguro en calquera velada, que o público valora e agradece.

Leva o acordeón a todas as festas, e toca o piano en concertos solidarios sempre que llo piden. Renega do espectáculo de alta voltaxe que disfraza algunhas orquestras na actualidade, onde prima a montaxe de luces e cores por riba da propia música.