O nomeamento de Manuel González González como fillo predilecto do Concello de Mazaricos converteuse nunha festa con mensaxe reivindicativa de fondo. As 150 persoas que abarrotaron a casa de cultura da Picota foron testemuñas de excepción dos distintos alegatos a prol do galego que se lanzaron desde o estrado. Estas intervencións, entre as que destacaron a do expresidente da Real Academia Galega Xosé Luís Méndez Ferrín e a de Xesús Ferro Ruibal, quen se encargou de dar a coñecer parte dos moitos méritos do homenaxeado, serviron para engalanar o acto en si, que consistiu na entrega dunha medalla e dun pergamiño a cargo do rexedor local, José Manuel Santos.
Previamente, González agradeceulle a todo Mazaricos a homenaxe, a través dunhas verbas que plasmou no libro de honra do Concello: «Estas son as miñas raíces, esta é a miña xente. Aquí están os meus soños». De testemuñas tiña neses intres a Xaquín Monteagudo, secretario de Outes; ao académico Xosé Luís Axeitos; ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e ao fiscal xeral de Galicia, Carlos Varela.
O acto que se desenvolveu na Picota estivo aderezado con música, a que brotou da arpa do gran Rodrigo Romaní e das gaitas de dous artistas locais, José e Bertín. Tivo polo tanto todos os ingredientes para ser unha gran festa popular coa reivindicación do idioma galego como fío condutor.