Cando desde estas páxinas convidóuseme a facer un artigo non só aceptei gustosa, senón que agradecín a oportunidade de contar historias vividas en primeira persoa. Na Tasca Típica, a casa familiar do meu home no Pazo Dacosta, estaba ao fronte un taberneiro de excepción: Antón Avilés de Taramancos, de cuxa amizade gocei ate o final. Tiña pois diante de min unha xoia: a cultura do viño e da palabra ¿ou ao revés?, e tiña sobre todo a oportunidade non só de evocar ao grande amigo e poeta do Cauca, o poeta da terra e da patria, o poeta da erótica e do amor, senón de facelo ademais publicamente, unha débeda que na miña vila non se me dera a ocasión de reparar. A cultura na Típica, a de Avilés, da poesía e da palabra, da anécdota e da vivencia, compartir nas noitiñas do verán tanta e tanta sabedoría, tanta dor, tanta ausencia, ter una casa en Chachagüí... E de pronto na tasca a febre creativa do narrador, do contador de historias do explorador na zona do Amazonas na compaña de De la Cuadra Salcedo, do devorador de repolo cocido durante días por mor da despensa valeira, ventosidades diversas?
Xurdiu a asociación Catavento, un proxecto ilusionante e necesario naquel tempo, un espazo baleiro que encher de teatro, de poesía, de debate, de música, de reivindicación do noso. E o amigo que me propuxo: «Ana, presidenta». Aínda hoxe me río co anacronismo: un feixe de rapaces cunha ideoloxía política moi marcada, ¿ideólogos imberbes posuidores de toda a verdade?, ¿descubridores precoces dunha identidade representados por una muller tinguida de loiro que en lugar de alparagatas levaba zapatos e chaquetas de pel que falaba un galego non normativo? Eles coas súas carreiras relucentes, licenciados en galego-portugués. Mais a fórmula funcionou sempre o carón de Avilés. E na Tasca unha vez mais, dáse a coñecer a María Mariño, e púxose a praca na casa onde nacera, e fomos denunciados, e retirámola ante a indiferenza dun pobo que sabíamos de María a Fiscala, mais non da dimensión poética de Mariño. Foi o grande escribidor quén de transmitirnos entre viños de Barrantes tantos coñecementos que conforman a nosa cultura, que é unha actitude ante a vida. Antón, amigo sempre no corazón e no recordo.