Era o día de Xosé Díaz Castro, pero tanto en Noia coma en Muros optaron por dedicarlle a xornada das Letras Galegas aos seus escritores. Así, houbo homenaxes, en forma de ofrendas florais, con María Mariño, Antón Avilés de Taramancos e Xosé Agrelo Hermo como protagonistas.
O concelleiro de Cultura noiés, Javier González, e a muller de Avilés, Sofía Vaquero, foron, co rexedor local, Rafael García, como testemuña, os encargados de depositar as flores diante dos bustos situados na alameda da vila noiesa. Antes, o artista local Serafín Marcos fixo unha lectura dramatizada de dous poemas de Díaz Castro, Herbiña pequerrechiña e Terra sucada. Como introdución, ilustrou aos presentes con algún que outro dato sobre a vida e a obra do homenaxeado neste 17 de maio, destacando a súa paixón pola natureza.
En Esteiro, un bo grupo de veciños tamén se sumaron á Festa das Letras na alameda, diante do busto dedicado ao autor local Xosé Agrelo Hermo. Alí houbo música, ofrenda floral e, como colofón, a lectura dun texto a prol do galego. O actor Rodrigo Molinos Romero foi o encargado de poñerlle voz aos muradáns.
a festa das letras