A pesar de que a súa vocación é actuar, tamén goza elaborando guións e dirixindo
06 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.O prestixioso escritor Álvaro Cunqueiro afirmaba que a parroquia de Lira deberíase denominar terra da luz, xa que non podería ser considerada nin do Barbanza, nin da Costa da Morte. Neste lugar naceu unha estrela do audiovisual galego en 1964, Miguel Domingo García Martínez, máis coñecido como Miguel de Lira. Este carnotán é un dos actores máis polifacéticos do panorama galego, capaz de representar desde papeis cómicos até os máis dramáticos.
Cando fala dos seus inicios afirma que a súa vocación pola actuación débese á inquedanza e a curiosidade que sentía polas artes escénicas. As súas primeiras frases nunha obra de teatro deron lugar a unha curiosa anécdota, que xa conta con tres décadas de historia. Miguel de Lira colaboraba na representación dunha función que protagonizaban os nenos dun colexio carnotán. Unha das rapazas que contaba cunha pequena intervención púxose nerviosa e foi incapaz de facelo. Entón, o lirense tivo que camuflar a súa voz e recitar el mesmo as frases da cativa.
O grupo Chévere
Un punto fundamental na traxectoria deste salientable persoeiro foi o seu encontro con John Easthan. Xunto a este inglés que residía en Santiago fundou a compañía de teatro Chévere, coa que deu os seus primeiros pasos como profesional da escena, e na que continúa traballando a día de hoxe.
O actor carnotán fala así dos primeiros tempos da compañía: «Comezamos facendo unha busca do noso estilo, da nosa maneira de facer as cousas, rompemos con moitas das tendencias predominantes do momento». A súa primeira obra, Servizo discrecional, tivo tal éxito que pronto se aventuraron a preparar unha segunda. Miguel de Lira conta que o que sentiu a primeira vez que se subiu a un escenario foron «boas vibracións», os nervios fóronse marchando ao comprobar que o público pasábao ben coa actuación. Foi nese momento cando comezou a pensar en dedicarse profesionalmente á actuación.
Actualmente encóntrase traballando en dúas obras con Chévere. Por unha parte está Viaxe ao país dos ananos, a cal ten como base o libro de Celso Emilio Ferreiro. Tamén o atoparemos en Eurozone que, en palabras do intérprete, «trata sobre o atraco que está sufrindo a zona euro por parte das institucións» e que ten como punto de partida a película Reservoir dogs, de Quentin Tarantino.
Obras audiovisuais
A traxectoria de Miguel de Lira non está limitada ao teatro. O lirense participou en series como Mareas vivas ou Pepe o inglés. Foi precisamente o personaxe que interpretou na primeira delas, Evaristo Currás, ao que lle ten máis cariño de todos os que fixo para televisión. Neste eido, a nivel nacional participou en varios capítulos de Los hombres de Paco. Tamén recorda con especial afecto ao contrabandista Mario, o papel que fixo no telefilme Entre bateas, xa que «despois de interpretar o papel de Currás, que tiña un forte compoñente cómico, participar nun drama sentoume realmente ben» lembra o carnotán.
Na industria cinematográfica ten unha ampla presenza. Miguel de Lira recorda con agarimo e orgullo o papel que realizou en Crebinsky: «Foi unha creación feita por Enrique Otero máis eu, ao longo do proceso tivemos que asumir roles de dirección, guión e produción». O traballo comezou como unha curtametraxe e acabou sendo un filme estreado no 2009. O brillante intérprete afirma que non ten preferencia entre teatro, cine ou televisión e tamén destaca que «a min o que me importa é o proxecto, se este me convence, non me resulta un problema onde sexa». Este actor lirense di que, aínda que algunhas veces non lle sae ben, sempre se guía por esta idea.
A parte das próximas estreas das obras que levan por título A Esmorga e Os fenómenos, participará no festival da Cabaceira en Lira, que se celebrará o primeiro fin de semana de agosto.
O actor destaca a Pepe Rubianes e aos Monty Phyton.