O gaiteiro que se resiste a enmudecer

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

Considérase herdeiro dun legado que está obrigado a preservar e a transmitir

01 dic 2014 . Actualizado a las 11:56 h.

Nacendo no seo dunha familia como a súa, era difícil que Pepe Romero non fose músico. Os seus pais, os fundadores do mítico grupo Os Rosales de Asados, inculcáronlle a paixón pola gaita, a pandeireta e todo o que soara a tradición desde que estaba no berce. De feito, sendo un cativo de seis anos, subíase por vez primeira a un escenario, no marco das festas de Cabo de Cruz. Con nove primaveras xa computaba como un membro máis da agrupación familiar. Foi con esa idade, cando este rianxeiro de nacemento e ribeirense de adopción tivo claro o seu futuro: «Recibín clases de linguaxe musical con José Bandín, director da banda de Rianxo. El foi o que me abriu os ollos e me orientou cara o camiño académico».

A experiencia coa familia e o paso polos conservatorios de Noia, Santiago e Vilagarcía permitíronlle a Pepe Romero adquirir unha formación que non tardaría en empezar a transmitir. Os ribeirenses foron os seus primeiros alumnos. No ano 1983, abriu na cidade a escola municipal de gaita e percusión, centro que daría pé a irrupción de Ancoradoiro. Aínda que este grupo segue a ser un referente no panorama musical galego, tivo unha historia intensa, pero curta: «Desapareceu por motivos naturais, xa que os seus integrantes medraron e foron tirando cara o traballo ou os estudos; e por causas inducidas, un conflito entre a escola e o Concello».

Mágoa é unha palabra demasiado suave para definir o que Pepe Romero sentiu cando perdeu este fillo: «Foi unha desfeita emocional grandísima. Ancoradoiro non era só un grupo dedicado a facer música, era unha forma de vida. Se continuara a súa traxectoria, non sei onde estariamos a día de hoxe».

Segunda oportunidade

Por fortuna, o destino deparáballe a Pepe Romero unha segunda oportunidade nunha localidade próxima, Porto do Son. Alí, tamén ao amparo dunha escola, o rianxeiro puxo en marcha Suevia, banda que agora mesmo se atopa en plena promoción do seu segundo traballo discográfico, Mua vai, que foi presentado en xaneiro.

O músico barbancés recoñece que o de tirar polo camiño do ensino en vez de continuar a senda de actuacións aberta polos seus proxenitores foi casual: «Eu non o tiña previsto, pero cando me expuxeron a posibilidade por vez primeira en Ribeira, aceptei o reto, saíume ben e sigo». De feito, aínda que participou en gravacións de algún que outro colega de profesión, asegura que nunca se propuxo destacar demasiado nese eido.

Agora, como tantos outros profesionais do mundo da cultura, Romero ve o futuro moi negro: «Hai serios problemas e cada vez é máis difícil vivir da música. De feito, ven de desaparecer un dos grupos míticos do folk galego, como é Berrogüetto, por non ter actuacións suficientes para manterse como empresa».

Ollando ao pasado

Pepe Romero está convencido de que o bum da música tradicional pertence ao pasado: «Segue habendo festas, pero os cartos van para o peto de tres ou catro orquestras». É consciente de que é o público o que decide, aínda que non por iso deixa de sentir pena polo que está a acontecer. Gustaríalle que, tal e como sucedía no pasado, non houbera festa en Galicia sen gaiteiros.

Pero, aínda que o futuro non sexa prometedor e o presente tampouco sexa o mellor dos escenarios posibles, o rianxeiro está disposto a seguir loitando. A cotío dille aos seus alumnos que forman parte dunha resistencia que non pode darse nunca por vencida: «Estamos mantendo un patrimonio histórico importantísimo e iso é o realmente significativo. Eu recibín un legado, unhas táboas da sabedoría, e agora véxome na obriga de transmitilo ás novas xeracións para que o folk non morra».

pepe romero miguéns músico