Blanca-Ana Roig, a científica da literatura infantil

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Abriu en Galicia a liña de investigación sobre os textos dirixidos a nenos e mozos

01 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiroulle desde sempre a docencia, por iso a carreira de Maxisterio foi o seu primeiro obxectivo académico; pero Blanca-Ana Roig Rechou decatouse cedo de que non estaba disposta a impartir clases sen máis. Ela ansiaba mergullarse no miolo do sistema educativo. Elixiu Filoloxía como ponte para chegar a onde quería: ser profesora de universidade; máis concretamente, participar de xeito activo na formación dos futuros educadores. Na actualidade, compatibiliza esta carreira docente coa investigación no eido da literatura infantil e xuvenil.

As dúas facetas están directamente relacionadas. A través da docencia, esta sonense perseguía mellorar o sistema educativo: «Realizando as prácticas de Maxisterio decateime de que a formación non era a axeitada e fun consciente de que a solución residía en ter bos mestres». Mergullándose na produción literaria pretendía facilitarlle aos profesores a selección dos textos cos que traballar cos alumnos: «Fixen a tesina sobre a colección Lar en Galicia e, nun primeiro momento, pensei en facer a tese sobre Antonio Gala, pero vin que había un gran oco no eido da literatura dedicada a nenos e mozos. ¿Como ían os mestres facer a selección de textos se non había nin unha soa investigación ao respecto?».

A partir do momento no que se fixo esta pregunta, o currículo de Blanca-Ana Roig non deixou de medrar mediante a coordinación de grupos de investigación e a dirección de proxectos que traspasaban incluso as fronteiras de Galicia. Tanto é así que, desde hai un lustro, preside a Asociación Nacional de Investigadores en Literatura Infantil y Juvenil, que non só acolle a investigadores e docentes de toda España, senón que conta con membros de distintos países do mundo.

Fundadora dun grupo

Hoxe, cando lle bota un ollo á súa traxectoria, non pode resistirse a dicir: «É incrible». Do intenso traballo realizado quédase coa creación dun grupo de investigación que lle dá continuidade a aqueles primeiros pasos que ela deu no eido da literatura infantil e xuvenil: «É un colectivo excelente que queda para o futuro, para seguir traballando».

Da información que manexou nesta longa etapa como científica da produción literaria, a sonense destaca a xeración do 68: «Daquela irrompeu en Galicia un grupo de mestres que empezaron a apostar por escribir para os nenos, por darlle valor e importancia á literatura». Aínda sen restarlle importancia ás xeracións posteriores do 78 e do 90, explica que xa tiñan un referente cara o que mirar.

Sen intencións creativas

Ten asinados unha longa relación de artigos e libros, sendo incluso a directora da primeira revista dixital que se publica en Galicia sobre literatura infantil e xuvenil, Elos, pero Roig Rechou asegura que engrosar a produción de textos dedicados aos nenos e aos mozos non está dentro dos seus plans: «Fixen os meus piniños, supoño que como todo o mundo, pero eu prefiro ler. Ser creador é moi difícil e ademais penso que non teño dotes para iso. Eu quedo coa formación de mediadores desde a docencia e desde a investigación».

Os seus proxectos, polo menos a curto e medio prazo, pasar por seguir avanzando nas liñas de actuación que ten en marcha, sobre todo desde a asociación de investigadores e desde a dirección dun máster de literatura infantil e xuvenil que ven de poñer en marcha.

Asegura ademais Blanca-Ana Roig Rechou que aínda queda moito por investigar no seu campo de traballo. De feito, está a piques de iniciar un proxecto financiado polo ministerio para estudar o tratamento dos conflitos bélicos na literatura infantil e xuvenil: «Para seguir adiante é necesario ter memoria e esta confórmase a partir da formación».

blanca-ana roig rechou catedrática