O técnico defende que a peor parte da tempada xa pasou e que agora toca continuar xogando como equipo e ir mellorando pouco a pouco
07 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.José Luis Lemos (Santiago, 1970) leva dende os 17 años pisando terreos de xogo. Media punta de toque, militou toda a súa carreira entre conxuntos de Terceira División e Segunda B. Retirouse como xogador con 35 años, momento no que saltou á banqueta. As últimas temporadas foi o patrón dun Cerceda co que conseguiu disputar dúas fases de ascenso en tres anos. A súa fama de adestrador duro e esixente fixo que a directiva de Barraña vise nel a solución aos problemas no vestiario do pasado curso. Despois de once partidos o Boiro é segundo, a un punto do líder. Sen embargo, parece que o teito dun equipo creado para ascender aínda está por descubrise.
-¿Que cambiou no equipo dende o comezo de liga?
-Hai unha progresión clara. Comezamos con moitos hándicaps, moitas pezas novas e un novo estilo de xogo que tiña que ir entrando. Faltaban mecanismos fundamentais para poñer en práctica a idea que temos de fútbol e iso penalizounos. Os equipos métenseche atrás e tes que saber esperar o momento. A volta a Barraña axudounos, dende o 5-0 ao Silva vexo ao equipo moito máis compacto.
-¿Xa falara co Boiro antes de deixar o Cerceda?
-No, a motivación no Cerceda ía baixando e eu cría que era conveniente un cambio. Levaba tres anos no equipo e vin que era necesario marchar.
-¿Que condicións lle puxo ao Boiro para conseguir o posto?
-Ningunha, na charla que tivemos durante o verán fomos moi claros en todo momento. O único que me pediron foi que xogáramos como un equipo e que pelexaramos durante toda a liga.
-¿Quen confeccionou o equipo?
-Puxemos uns nomes enriba da mesa e intentamos ir a por eles. Non conseguimos a todos os que queríamos, pero estivemos cerca do 100% de acerto. Iso si, tódolos xogadores tiveron o meu consentimento antes de firmalos.
-¿Quen se escapou?
-Esperamos ata o final por David Añón e Adrián Armental, pero decidiron cambiar de aires e agora están facendo unha boa tempada en Segunda B.
-¿Cree que ten un equipo que podería xogar en Segunda B?
-Por moito que se diga e se comente, de momento aínda somos todos de Terceira. Temos un camiño moi longo por diante, sabemos que somos favoritos, pero hai que ser moi humildes no traballo. Unha das cousas máis complicadas é darlle valor ao xogo de equipo e esquecerse das individualidades.
-¿Ve o ascenso?
-Falar a estas alturas de subir a Segunda B non ten sentido. Quedan 27 partidos aínda.
-¿Contaba con Cardeñosa?
-Dende a directiva dixéronme que había xogadores que non ían seguir e en ningún momento lles pedín que cambiasen de idea. O que sucedeu o ano pasado no vestiario é algo que sabe o club e que pasa do meu coñecemento. Non entro no que non sei.
-¿Como lle sentou o caso de «espionaxe» en Vista Alegre?
-Detrás daqueles papeis está o traballo de moita xente e de moitas horas. Moléstache moito que haxa unha persoa que é allea e que só queira facer dano ao club.
-A directiva do Boiro ten fama de despedir rápido aos adestradores, ¿ten medo a que pase?
-Non penso neso. Dende o primeiro momento tiven liberdade e confianza por parte da directiva.
-¿A solución aos problemas defensivos do equipo pasaban por Borja e Suso?
-Cando empezamos ningún tiña sitio no equipo titular. No caso de Borja seguiu traballando e esperando o seu momento. Esa busca fíxolle xogar ben cando lle tocou entrar, está sendo moi regular no rendemento e está recollendo o traballo que fixo. No caso de Suso sabemos que é un xogador con moitísima calidade, pero tivo que adaptarse a min. No noso estilo de xogo un lateral ten que saber cando facer certas cousas e cando non se poden arriscar certas bolas. Se xogas dunha forma arriscada, os equipos penalízanche cada error e en Terceira é moi complicado remontar. Sen embargo, hai outros xogadores que están en bo nivel: Tachi, Pillado, Sidibé, Cano...
-¿Que pasou con Trasbach?
-Foi o único futbolista que tiña no equipo e que eu non vira anteriormente. Tiña cinco centrais e non quería que dous estivesen na grada. Creo que o máis correcto foi falar con sinceridade con el e contarlle a situación.
-¿Cal é a maior frustración como adestrador?
-A min tocoume vivir un cese cando adestraba en As Pontes, que ademais foi dunha maneira trapeira. O equipo estaba implicado comigo e no momento non o asimilei ben. Co tempo velo doutra forma, foi unha experiencia que me fixo mellorar e confiar máis na miña idea de fútbol.
-¿Cal é o reto do Boiro?
-Seguir sendo un equipo, como dixen, sabemos que somos favoritos, pero queremos ir paso a paso. Temos un longo camiño por diante.
-¿Cal é o reto de José Luis Lemos?
-Gustaríame seguir competindo e enfrontándome a retos como o que estou vivindo agora.
José luis Lemos entrenador del cd boiro
«Por moito que se diga e se comente, de momento aínda somos un equipo de Terceira»
«Moléstache moito que haxa unha persoa que é allea
e que só queira facer dano ao club»