As homenaxes a Castelao suman unha nova cita promovida polo Partido Galeguista

Ribeira / La Voz

BARBANZA

O acto desenvolverase na mañá do próximo día 30

28 ene 2016 . Actualizado a las 15:18 h.

Nas vindeiras fins de semana, a actividade cultural en Rianxo vai xirar arredor da figura de Castelao con motivo da conmemoración do 130 aniversario do seu nacemento. A esas propostas vén de sumarse unha nova cita promovida polo Partido Galeguista e que reunirá na vila natal do escritor e intelectual a representantes de diversas entidades sociais e culturais e de distintas formacións políticas. O acto desenvolverase na mañá do próximo día 30.

No que respecta á participación política, estarán representados no acto a celebrar en Rianxo, ademais do Partido Galeguista, que contará coa presenza de Manuel Suárez, o BNG, Anova, Coalición Galega, Nós Galeguistas e Somos Nós. Esta última formación estará presente na homenaxe coa intervención de Anxo Quintana, mentres que por parte do Bloque estará o seu voceiro nacional, Xavier Vence, e o deputado Antón Sánchez acudirá en representación da agrupación que encabeza Beiras.

Fernando Alonso e Xosé María Palmeiro falarán en nome de Coalición Galega e Nós Galeguistas, respectivamente. A eles sumaranse os responsables de outras entidades, como Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao; Valentín García Bóveda, pola Fundación Alexandre Bóveda; Xusto Beramendi, do Museo do Pobo Galego; e Antón Vidal Andión, da Fundación Penzol.

Todos eles serán recibidos polo alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, antes de que se dirixan ao paseo da Ribeira, onde está previsto que dea comezo a homenaxe ás 12.00 horas diante do busto dedicado a Castelao.