In illo tempore había un auténtico sentido da responsabilidade pública e cada Administración aportaba a súa parte na procura de servizos de interese para a veciñanza, nunha simbiose na que tiña transcendencia o transcendental e importancia o importante. Sen antónimos nin escusas no cumprimento das normas e na racionalidade, o que non está acontecendo hoxe, como é o caso dos centros de saúde de Barbanza, Muros e Noia, porque xa en 1956 había unha lei con obrigas e recomendacións para que os concellos formasen patrimonio municipal do solo. Era unha boa norma pero, ¡mecachis!, franquista, polo que para disimular, o PSOE aprobou o Real Decreto 1372/1986 que case é o mesmo pero rebautizado como Regulamento de Bens das Entidades Locais.
O obxectivo era que os concellos dispuxesen de terreos para que o Estado (agora as autonomías) edificase neles equipamentos como escolas, centros de saúde e de día, residencias. Case sempre acordábase que estes edificios pasaban a titularidade municipal coa obriga do seu mantemento e conservación. Iso veu funcionando con toda normalidade ata o de agora en que, nos derradeiros anos, os concellos tiráronse á bartola, polo que o que antes demandaban con persistencia agora rexeitan nun acto de hipocrisía e irresponsabilidade sen lindes. Pero o máis criticable desta actitude está en que, se ben a Rajoy non se lle ocorreu mellor idea que a de aprobar aqueles infaustos plans de pago a provedores que, moi pola contra do que se pretendía, facilitaron que os alcaldes seguisen disparando con pólvora do rei e, xa saben, Roma non paga a traidores.