Manu Rey está ao cargo da percusión da mítica banda barbancesa, coa que gravou o Jard Rock con Fe
28 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.As casualidades que configuran o mundo no que vivimos poderían equipararse a unha especie de ritmo harmónico. Sen embargo, ese compoñente azaroso funciona ás veces como unha improvisación digna do funk. Forzas non catalogables rompen unha estrutura fixa, que irremediablemente se ve atraída por notas musicais dispostas a rachar pautas.
Para o músico profesional Manu Rey (Araño, 1976) esas directrices inevitables están simbolizadas nas baquetas. Maila enerxía que o guía a tomar outro camiño pasa polo sendeiro do rock and roll. O actual batería de Heredeiros da Crus ven de presentar o novo disco que cociñou coa formación, Jard Rock con Fe, nunha xira polas principais salas galegas que rematou hai un mes.
A peza que lle faltaba á banda arrastra unha longa historia afastada da terra onde comezara, con tan só sete anos, a bater no tambor da formación tradicional Os Aneiros de Rois. Moldeado nas primeiras clases de percusión que se comezaron a impartir décadas atrás no Centro Social de Rianxo, Rey aumentaba a súa formación en Compostela na carreira de solfexo e baixo as ensinanzas de Ricardo Rey, propietario da tenda Estudio 54. Ata que Madrid nolo roubou.
Camiño do rock
Con trece anos ingresaba no Conservatorio Superior, localizado en Atocha, mais a súa condición de autodidacta sumada ao bagaxe musical que o levara a empezar coa batería con dez anos, fíxoo cambiar ese centro pola Escola de Música Creativa. «Aquela era percusión clásica e eu xa levaba o rock and roll metido no corpo», explicou Manu Rey, que fora alimentado no fogar a base de Hendrix e Pink Floyd.
Ao ano seguinte lanzábase aos garaxes coas súas primeiras formacións rockeiras con amigos. Pero o punto de inflexión chegou cos Blue Aliens Temple, unha banda de culto entre o público madrileño da década dos noventa, con sabor ao progresivo dos setenta e trazos electrónicos. Cos alieníxenas tristes gravou dous discos e conquistou salas durante cinco anos.
«Tras esa etapa empecei a colaborar con distintos artistas do panorama nacional e internacional», relatou o batería que tamén exerceu como músico de estudo. Sen embargo, garda un especial recordo da tempada na que acompañou a xigantes da talla de José de Castro ou Pedro Andrea, cos que levou á cociña diversos traballos instrumentais.
Da man de Guthrie Govan e Scott Henderson impartiu seminarios nunha das feiras musicais máis importantes do mundo, a estadounidense Namm, que ten lugar cada ano en Los Ángeles. Entón, durante un parón de dous meses antes de iniciar outra actividade, volveu de vacacións a Rianxo. E o roubo desfíxose.
O regreso á terra
Rey retornaba a Galicia ingresando en Heredeiros da Crus, case inmediatamente despois de escoitar Jastas pista. Dende os primeiros ensaios comprendeu a oportunidade que se lle brindaba de tocar o que sempre quixo. E a volta da banda no escenario de Ordes confirmoullo: «Nunca vivira un fenómeno fan tan entregado, cando realmente te das conta do que significa Heredeiros é cando estás dentro».
Non se trataba só de volver ao seu xénero predilecto ou compartir escenario, había un compoñente de morriña instaurado tras décadas en Madrid e movéndose pola península: «O feito de botar tanto tempo fóra e volver á terra para tocar en galego, permíteche reafirmar quén es e de onde es».
Co Jard Rock con Fe listo, o grupo non se cansou de encher salas durante a pasada xira: «A Volta aos jaliñeiros foi recuperar o contacto directo co público, esa proximidade que aínda non vivira, que cada nota que das se recibise na cara», desenvolveu coa paixón deses recordos recente que xa se esculpen na memoria.
Agora mesmo a formación prepárase para o vindeiro concerto do 12 de marzo, enmarcado no festival coruñés Oístes Rock, no que compartirán cartel con La Fuga e Mago de Öz. «A rutina do grupo é traballo e traballo, tocar e compoñer, a maquinaria non para un segundo», comentou Rey, definindo dunha forma apropiada o funcionamento e a sinerxía dos membros como un «engrenaxe perfecto».
Porque así se forxan as lendas, a partir de forzas que se atraen irresistiblemente. Benvido á casa.