María Ángeles Rial «Parécenos que é algo afastado, pero calquera pode precisar unha doazón»
BARBANZA
A noiesa considera que a falla de información é o gran obstáculo a superar
04 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.De sobra coñecida polas súas facetas de actriz no grupo de teatro de Lousame, poetisa e directiva de Senda XXI, a noiesa María Ángeles Rial ven de embarcarse nunha nova aventura. Aliouse con Sos Médula Galicia, co fin de difundir información sobre o proceso de extracción de medula ósea e, sobre todo, atopar doantes. O seu empeño xa empezou a dar os froitos desexados pero, coma noutros eidos da súa intensa vida como activista social, non se dá por satisfeita.
-Actriz, escritora de obras de teatro e de poemas, afeccionada ao sendeirismo... e agora voluntaria en Sos Médula. ¿Como chegou a este colectivo?
-Sempre me gustou implicarme en causas sociais e xa levaba un tempo buscando como introducirme neste eido. A un amigo morreulle un fillo con leucemia e penso que ese foi o detonante. O ano pasado, coincidindo co día mundial do donante de medula ósea achegueime á praza Roxa de Santiago, onde estaban repartindo información, e xa me convertín en voluntaria.
-¿Cal é a súa misión como voluntaria?
-O colectivo ao que pertenzo, Sos Médula Galicia, é un dos moitos que están coordinados desde Madrid por Unidos por la Médula, que á súa vez depende da Fundación Josep Carreras. O que se busca principalmente é saír ás rúas e informar á poboación. Eu, xunto cun grupo de colaboradores, estivemos o 17 de setembro en Noia, coincidindo cunha carreira en favor do cancro, e logramos que once persoas se interesaran por ser doantes. Algúns xa están rexistrados.
-¿Cal á e mensaxes que lle traslada á xente?
-Unha coa que eu estou totalmente convencida: parécenos que é algo afastado, pero calquera pode precisar unha doazón, cano menos o esperas.
-¿Cales son as barreiras que detecta á hora de conseguir sumar novos doantes?
-A principal é a falla de información. Hai xente que confunde a medula espiñal coa ósea, sen saber que esta última se rexenera constantemente, e outros cren que ser doante implica pincharse cada dous por tres. Ser doante de medula ósea é formar parte dun rexistro para ser chamado cando haxa un enfermo compatible que precise axuda.
-¿Non produce certo temor estar sempre esperando esa chamada?
-Eu non o sei, porque oficialmente aínda non son doante, pois fáltame cumprir algún requisito, pero teño amigos que si o son. Un comentábame que leva sete anos no rexistro e cada día espera a chamada milagre para poder devolverlle a vida a alguén que o precise.
-Supoño que o feito de sumar doantes xa é para vostede un gran logro...
-É unha satisfacción persoal enorme, porque é moi complicado. Hai incluso familiares de enfermos que non están dispostos sequera a facerse as probas pertinentes.
-¿En que consiste a doazón de medula ósea?
-Basicamente, nunha vacina para que as células nai se movan por todo o torrente sanguíneo e, logo, unha extracción.
-¿Que a leva a vostede a estar involucrada en diferentes movementos asociativos?
-Principalmente, o meu espírito aventureiro e solidario. Eu estou un pouco desconforme coa sociedade actual, porque considero que todos deberíamos ser máis humanos e sensibles cara o próximo.