«Con arranxos e colaboracións, unha banda atrévese con calquera estilo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

El presidente de la banda de Música de Boiro asegura que Dylan ou o «heavy» poden integrar o repertorio dos tradicionais grupos

29 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Facía 14 anos que Moncho Lojo era a cabeza visible da Banda de Música de Boiro e xa levaba un tempo, pedindo o relevo. El embarcarase na aventura porque os seus dous fillos tocaban na agrupación, pero consideraba preciso que foran os propios músicos os que asumiran as rendas. Foi así como Fran Lojo, despois de estar un tempo na vicepresidencia, deixándose guiar por todo un experto na materia, pasou a liderar un colectivo que aspira a medrar, en número de membros e tamén de seguidores. Sabe de sobra o que ten entre mans, pois leva 25 dos seus 38 anos formando parte desta gran familia musical.

-¿Como foi ese traspaso de poderes?

-A min tocoume un pouco de rebote. Moncho Lojo xa dixera hai tempo que o quería deixar e algúns músicos decidimos traballar un tempo con el para preparar o relevo. Pode dicirse que asumín a presidencia porque ninguén quería facerse cargo.

-¿Tan difícil é presidir unha banda de música?

-Non, o difícil é dedicarlle tempo a unha asociación cando tes outras ocupacións. Por fortuna, nós herdamos o legado da anterior directiva, así que temos moito camiño andado.

-¿Con que retos asume o liderado desta agrupación con máis de tres décadas de traxectoria?

-En principio, seguir na mesma liña, porque eu coñecín a banda nas súas diferentes etapas, as boas e as malas, e penso que o nivel actual é elevado. Hai uns anos, a banda era sinónimo dun repertorio de catro pasodobres interpretados a golpe de bombos e pratos, pero hoxe temos un repertorio moi variado. Fáltanos quizais algún instrumento, pois ás veces resulta complicado motivar aos rapaces.

-Pero, ¿non queda aínda moito camiño por percorrer para que as bandas de música consigan deixar atrás esa vella imaxe?

-Claro que queda, por iso é imprescindible que non nos estanquemos, que busquemos novas fórmulas. Por exemplo, no último concerto que ofrecemos no verán, xunto coa agrupación de Padrón, fixemos unha homenaxe ás bandas sonoras de películas e incluso se foron proxectando imaxes. Esta actuación era impensable hai uns anos, pero trátase de captar tanto público como integrantes.

-Teñen carencia de persoal entón.

-Non tanto de persoas, pois o grupo mantense sempre nuns 25 membros, senón de variedade instrumental. Necesitamos dous ou tres trombóns e mesmo temos que pedir colaboración a outras bandas para suplir a carencia.

-Neste proceso innovador no que está inmersa a agrupación, que artista ou tema lle gustaría incluír no repertorio?

-Pois non se me ven ningún á cabeza. ¿Algunha suxestión?.

-Bob Dylan quizais, que está tan de moda. ¿Pensa que sería posible?

-A nivel musical só podería ser complicado, pola importancia que teñen as letras, pero coa axuda dun cantante si que sería posible.

-E un grupo de heavy metal, ¿sería máis complicado?

-Non ten por que. Con arranxos e colaboracións, unha banda atrévese con calquera estilo hoxe en día. A esencia das bandas debe permanecer, pois forma parte da historia deste tipo de agrupacións, pero agora hai moita diversidade de estilos nos seus repertorios.

«É imprescindible que non nos estanquemos, que busquemos novas fórmulas»

«Coñecín a banda nas diferentes etapas, e penso que o nivel actual é elevado»