Afirma que hai un gran movemento creativo na bisbarra e que os mozos precisan unha ventá para darse a coñecer
08 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Conversador, amante da lectura, do coñecemento e do trato cos rapaces e cos maiores, Xesús Laíño (A Pobra, 1957) defende a necesidade de que a cultura galega teña o pulo que lle corresponde e tamén de que se fomente en pé de igualdade. Sempre coa mirada atenta ao que ocorre no seu entorno próximo, pero tamén no que acontece no horizonte máis afastado, este mestre, que observa a realidade desde o seu ámbito visible para debullala logo analizando os aspectos soterrados que permiten comprendela, está a piques de rematar unha etapa de seis anos como presidente da Asociación Cultural Barbantia. Precisamente, unha entidade que, asegura, serviu para dar visibilidade ao crecente movemento creativo que hai tanto no Barbanza como no conxunto de Galicia.
-Doce anos leva Barbantia axitando a cultura, ¿pensou que se chegaría a isto?
-A xente augurábanos un ano ou dous. Se hai algún mérito é a constancia. Creouse unha dinámica de traballo e un costume. Un dos problemas das asociacións é que ás veces déixanse esmorecer. Agora hai maior oferta cultural que hai doce anos, pero o libro galego ten moi pouca visibilidade. As presentacións que fai Barbantia serven de escaparate. Ao mesmo tempo, creouse unha conciencia cultural a nivel comarcal.
-A entidade dá visibilidade a autores cunha longa traxectoria, pero tamén serve de plataforma para os que están empezando.
-A intención é a de crear un espazo ao redor do libro e da cultura galega, porque ese é un dos nosos principios estatutarios. Os actos mensuais que se levan a cabo permiten dar a coñecer traballos que se fan aquí, pero tamén serven para aproximar a autores de fóra. Viñeron desde Manuel Rivas a Álvaro Mutis. Isto vai ligado co suplemento que publica La Voz cada mes, que propicia que xente con intereses culturais se implique e atope un espazo no que a apoien. Dáse a oportunidade de que todos poidan acceder en pé de igualdade á cultura e de crear unha plataforma para estar en contacto con persoas que comparten os teus intereses.
-Moita da xente que colabora no suplemento A Voz de Barbantia son mozos que están estudando, ¿atopan implicación nos centros formativos?
-Gustaríame que houbese máis e dar máis campo á xente nova, tamén que os mozos se implicasen coa asociación e aportasen iniciativas. Pero hai moitos rapaces con inquedanzas e hai que darlles unha ventá. Seccións como En Obras ou Convidado favorecen iso, porque serven para estimular e recoñecer o traballo da xente.
-¿Pódese falar dun movemento barbancista?
-Si, porque hai un grupo que está acostumado a traballar de forma conxunta e que se entende ben. Creouse un ambiente na bisbarra de xente que está na batalla da cultura. Formar parte dese grupo axudoume a min a coñecer a persoas que están no movemento cultural e a seguir os seus traballos.
-Ese movemento tamén adquire o compromiso de coñecer o que se está a facer.
-Créase un intercambio de ideas. Hai xente que se achega a nós. Por exemplo, temos todos os actos mensuais comprometidos ata xuño. Hai moitos autores que nos chaman e ese é un síntoma de que a cultura galega está moi viva, pero non ten a visibilidade necesaria; precisa moito esforzo de visualización e iso, en parte, é unha responsabilidade dos medios de comunicación. Hai que evitar a aristocratización da cultura.
-Neste contexto de dinamismo do que está a falar, ¿como ve a saúde da cultura barbancesa, do movemento creativo?
-Cada vez hai máis rapaces que fan cousas. Hai que poñerse en perspectiva. Cando eu era mozo, a vida cultural barbancesa eran cinco persoas, agora o movemento cada vez é maior. En todos os campos: musical, artístico, literario. Na actualidade publícanse cada ano un elevado número de libros de autores que viven na bisbarra barbancesa, iso antes non ocorría.
-¿Considera que a falla de oportunidades e a crise económica están a pasar factura aos novos talentos?
-Non cabe dúbida de que hai moitos mozos que tiveron que marchar por falla de oportunidades. A crise fixo moito dano á cultura. Canto máis se reduzan as inversións peor é. Cultura e educación foron dous dos grandes prexudicados. Os gobernos deben investir en cultura e en formación. En materia de ensino considero que un dos factores que poden incidir no cambio das cousas é que se primen o mérito e a capacidade por riba de outras cuestións. Cando valoremos o mérito por riba de calquera outra circunstancia tamén melloraremos culturalmente. Estase reducindo moito o ensino ao currículo. Non pode fomentarse unicamente unha cultura competitiva, hai que facer algo máis. De todos xeitos, observo que hai movemento nos centros culturais do Barbanza o que resulta moi positivo pensando no relevo xeracional.
-¿Que balance fai destes seis anos á fronte de Barbantia?
-Satisfacción polo deber cumprido, orgullo e tranquilidade. Considero que fixemos moitas cousas e cada vez a asociación ten un ámbito máis amplo. Empezamos coa publicación do suplemento mensual A Voz de Barbantia e coas presentacións literarias, nas que tamén xoga un papel destacado o aspecto musical, pero fómonos abrindo a outras manifestacións culturais máis alá do libro. Deste xeito empezamos a organizar a Romaría das Letras Galegas, a celebrar o día de Rosalía de Castro e a facer o encontro Barbantiarte, unha cita que serve para reivindicar a arte local, que dá a coñecer a novos creadores e que está a ter unha traxectoria de éxito. Existe unha dinámica que se vai manter, estou convencido diso. Barbantia medrou nestes doce anos de traxectoria, e vai continuar medrando.