Pepe de Dora: Toda unha vida detrás dun mostrador

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

Medrou vendendo alimentos e servindo chiquitos no negocio que fundou súa nai

15 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai persoas que teñen difícil fuxir dun destino que xa está escrito incluso antes de que se produza o seu nacemento. Ocorreulle ao boirense José Manuel Silva Triñanes, coñecido como Pepe de Dora, no relativo á súa profesión. Medrou no ultramarinos que rexentaba a súa nai na zona de Barraña e, como el mesmo recoñece, non lle quedou máis remedio que arrimar o ombreiro, para coller despois as rendas do negocio. Hoxe, aos 74 anos de idade, é el o que lle bota unha man ao seu fillo. Faino consciente de que o máis probable é que a historia xa non volva a repetirse, pois recoñece que establecementos coma o que a el lle serviu para sacar adiante unha familia están en perigo de extinción.

Lembra a Casa de Dora na que non dubida en afirmar que naceu chea de vida, con veciñas que entraban para facerse con alimentos variados e homes que pasaban as horas mortas tomando chiquitos. El era un cativo cando se situou por vez primeira detrás da barra: «Foi miña nai a que montou o negocio, pero, como era solteira, a min non me quedou outra que axudala. Tiña 12 anos e xa estaba á fronte do local». Aqueles eran tempos difíciles e José Manuel Silva recoñece que nunca chegou a barallar a posibilidade de desempeñar outro labor, aínda que tampouco se arrepinte: «Penso que de boa gaña non se está en traballo ningún e, polo menos neste caso, o negocio era familiar».

Ao longo de toda esa vida exercendo de tendeiro e de camareiro, foron moitas as anécdotas e as lembranzas, unhas máis agradables que outras, que se foron almacenando na cabeza deste boirense. Recorda, pola sorpresa que lle causou, a entrada na Casa de Dora de Loyola de Palacio, a que fora ministra de Agricultura: «Chegou aquí con toda aquela escolta que a acompañaba». E tamén o desembarco do escritor Antonio Gala: «De cando en vez viñan persoas coñecidas, tanto a mercar como a tomar algo, case sempre acompañadas por alguén da zona».

Colección de botellas

Estar tantos anos detrás da barra serviulle a este boirense para tecer unha maraña enorme de amigos. Grazas a parte deles, fíxose cun pequeno tesouro, unha colección de botellas personalizadas. ¿Cal é a particularidade destas xoias? Pois que teñen, como etiquetas, os rostros de coñecidos personaxes, a maior parte deles vinculados ao eido da política. «Empezou un coñecido regalándome unha e, como a coloquei nun estante visible, logo viñeron outros e así fun formando a miña colección», explica. El tamén achegou o seu grao de area a unha relación na que están desde Fraga ata Beiras, pasando por Che Guevara, por distintivos de diferentes corpos de seguridade e mesmo por algunha que outra imaxe relixiosa: «Quixen darlle un toque local coas caras de Jesús Alonso a Manuel Velo».

Silva Triñanes non lle dá moita importancia á súa colección, aínda que recoñece que aqueles clientes que reparan nela amosan gran interese. Descarta, iso si, abrir as botellas, que conservan o precinto orixinal: «Non, iso si que non... Ademais, seguro que o viño é do malo».

Desde o negocio, que tamén conta cunha panadería, asiste ás tardes de gloria do seu equipo, o Boiro: «Sobre todo cando hai partido. Tanto a miña muller coma eu axudamos ao fillo, pois nesas xornadas o negocio revive». Fala con morriña do pasado glorioso e con pesimismo dun futuro que prevé escuro: «Isto non vai a ningún sitio, porque en Boiro hai media ducia de supermercados e a competencia é imposible». Comenta que só a estratéxica localización, nun dos paraísos barbanceses do turismo, mantén vivo o negocio: «Temos que traballar os dous meses do verán para todo o ano. Os visitantes dannos un respiro».