Levar a conta dos visitantes, das súas preferencias e dos seus intereses é ben máis difícil nas nosas comarcas que, por exemplo, nun museo nacional no que hai dúas ou tres entradas de torno que contan automaticamente a todos aqueles que as cruzan.
É imposible ter métodos similares nun espazo aberto como unha praia, un bosque ou un castro. Porén, dispomos de interesantes fontes indirectas para saber cales son os sitios máis concorridos, ou polo menos, cales son os sitios que máis lle gusta compartir aos turistas.
Botando man de ferramentas de big data é posible extraer de repositorios dixitais como Flickr ou Instagram os lugares máis fotografados e obtermos un retrato fiable do que determinado turista non só ve, senón do que decide compartir coa súa rede de amigos. Unha análise rápida con estas ferramentas permítenos saber que as Dunas e o faro de Corrubedo son os sitios máis difundidos, que as praias máis fotografadas son Cabío, Coroso ou as Furnas -pero que hai moitas na comarca aínda virxes para este turista de clic.
En turismo urbano, destacan as vilas da Pobra do Caramiñal, Noia e Rianxo e os miradores (os dous da Curota). O patrimonio histórico ten claros gañadores: o castro de Baroña e o dolmen de Axeitos, seguido un pouco lonxe por Neixón. A costa norte de Muros é unha gran descoñecida, pero non a capital do concello, con certa relevancia, igual que o Ancoradoiro. Todo xunto dános unha imaxe dixital sobre como a comarca é percibida: mar e patrimonio. Non é mal sinal de identidade.