
Creo que a palabra monopolio estase usando demasiado á lixeira neste conflito que enfronta ós estibadores coa Administración. Tamén a palabra sindicato leva anos estigmatizada desde o liberalismo económico, que nada ten que ver co social, e desde as películas americanas, para usala como arma de descreto.
Acabo de volver a ver a película A lei do silencio, con ese Marlon Brando coidador de pombas nunha inhóspita cidade portuaria, na que as mansas aves sempre han de volver ás gaiolas, porque é o único sitio onde teñen comida e están fóra da ameaza dos falcóns. Unha acertada parábola daqueles sistemas de contratación a dedo de xornaleiros na praza do pobo, cando só a mansedume garantía un prato de comida.
Xa sabemos que nada ten que ver o monopolio coa conciencia de clase. Son como a noite é o día, pero alguén quere tapar o sol para que non vexamos a diferenza, e desde certos sectores fanse esforzos sobrehumanos para demostrarnos que as asociacións obreiras son antisociais, a causa de todos os males e o freo do progreso. O mesmo conto de sempre. Non sería esta a primeira vez que se tacha ós sindicatos de mafias insolidarias ou algo peor, e ós sindicalistas de escoura social, axitadores e matóns.
Poucos colectivos se salvan do desprestixio argallado desde as oligarquías, co único fin de quitarlles creto á hora de renegociar os seus contratos laborais, poñendo á opinión pública contra eles para xustificar as facilidades de despido e volta a contratar con menos salario, menos dereitos e ata menos horas fiscais, que non laborais. Agora tócalle ós estibadores cargar coa acusación de vantaxistas insolidarios, tan só por terse organizado e darlle valor ó seu traballo. Acúsanos de privilexiados por ter salarios dignos, cando precisamente, as aspiracións de todos debería pasar por acadar os maiores beneficios e dereitos co fin de que a diferenza salarial entre uns e outros se iguale por arriba, e non por abaixo.
Sabemos que a desmellora social caeu nos últimos anos exponencialmente e en proporción directa ó que medraron as clases dominantes. E nestas estamos unha vez máis, mentres a ninguén se lle ocorre criticar ás agrupacións médicas, por exemplo, que xustifican a consulta privada á que habemos de ir (pagando sen factura) se queremos que nos adianten nas listas de espera, ou os honorarios dos avogados, para ter dereito a iso que hipoteticamente se chama xustiza gratuíta. Calquera grupo de obreiros, funcionarios, transportistas, mariñeiros ou mineiros, han de sufrir, se non sufriron xa, a limitación de dereitos. Agora tócalle ós estibadores, asociados desde mediados dos setenta, tras anos de pelexar para non ser contratados a dedo, por horas e por capricho, pagándolles o que ó contratador se lle ocorrese, fomentando disputas entre os mesmos traballadores que chegaban a ofrecer os seus servizos en desiguais poxas. Contra iso loitaron durante anos ata acadar uns dereitos laborais dignos ós que agora, ó amparo das supostas necesidades actuais, se lles pide que renuncien para volver a ser os parias que agardan na praza do pobo ó señorito que os contrate por horas de submisión, sinalándoos co dedo, «vén ti e ti fóra», co reclamo de que é unha orde de Europa, que é mellor para o sistema, que fomenta a competitividade e libera a profesión. Cando todo apunta a quitar poder adquisitivo, dereitos sociais e laborais, co fin de crear unha sociedade de submisos. Por iso Xulio agarda que os cambios que se aveciñan non sexan unha nova coitelada a un colectivo que naceu pedindo o que todos os traballadores: pan, traballo e liberdade.