A gaita e o bombo máis insignes

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O matrimonio rianxeiro está considerado o precursor da música galega actual

23 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

De neno, collía canas e empregábaas para emitir singulares sons. Mesmo se lle ocorreu facerse coa vexiga dun porco e empatarlle unha desas canas para construír unha orixinal gaita. Agora, aos seus 86 anos, o traballo que realizou a prol do folclore tradicional é recoñecido en toda Galicia. Tanto é así que o domingo daranse cita en Rianxo músicos procedentes de diversos lugares da comunidade para renderlle homenaxe a Xosé Romero e á súa dona, Eclíptica Órbita Miguéns, Maruxa como ela quere que a chamen, quen xogou un papel fundamental no relativo á incorporación da muller nun eido restrinxido naquela época ao sexo masculino.

Aínda que a afección pola música morrerá con eles, hai xa un tempo que Xosé Romero e Maruxa Miguéns só realizan actuacións puntuais. Os dous recoñecen que gozan sentados no sofá da casa, rememorando os vellos tempos: os comezos del como gaiteiro, a fundacións de Aires da Nosa Terra e, sobre todo, o nacemento de Os Rosales no ano 1951, un grupo mítico que ten un oco especial na historia da música tradicional galega. El recoñece que se viu obrigado a incluír á súa muller nesta formación: «Meu irmá tocaba o bombo, pero sufriu un accidente e levou un golpe nun brazo que lle impedía concluír a tempada de actuacións. Como Maruxa xa o substituíra nalgúns ensaios, entrou no grupo e xa non puiden retirala, porque a xente pedíame que fora con nós. Aínda agora queren que vaiamos os dous».

Maruxa Miguéns recoñece que os comezos non foron doados, pero amosa unha valentía que de seguro lle axudou no pasado a superar tódolos obstáculos que atopou no camiño: «Entrei nun mundo de homes sabendo o que me esperaba por ser muller, pero decidín facer o que me gustaba sen importarme as críticas. Abrín camiño para outras que viñeron detrás e estou moi satisfeita de telo feito».

Xira por España e Europa

Sentados no salón da súa vivenda de Asados, a parella rememora a época dourada de Os Rosales, formación coa que percorreron tódolos recunchos de Galicia, boa parte de España e mesmo atravesaron as fronteiras da península: «En Bélxica estivemos dous meses preparando un grupo de gaitas do centro galego», lembra Romero. Na cabeza dos dous ocupa un lugar privilexiado a semana que pasaron en Madrid no 1987, facendo retumbar un feixe de auditorios a golpe de gaita e tambor. A piques estiveron incluso de aparecer nun programa da Televisión Española: «O contrato estaba asinado, pero tivemos a mala sorte de que nos entraron no coche e nos roubaron as maletas e catro gaitas. O noso fillo Pepe Romero, que por aquel entón estaba en Ancoradoiro, mandounos por avión os instrumentos para que puideramos rematar a xira, pero xa non foi posible acudir ao programa de televisión. Foi unha mágoa porque había moita xente pendente», relata Miguéns.

Tanto Xosé Romero como Maruxa Miguéns son conscientes de que o seu labor foi fundamental para que a música tradicional galega ocupara o lugar que se merecía, pero para os dous, o máis importante é o que gozaron tocando: «Fixen todo como o sentía e iso foi o que lle transmitín ao público», apunta ela. Asegura que se volvera atrás no tempo, gustaríalle que a historia se repetira, cun pequeno cambio: «Faría o mesmo, pero quizais trataría de ter máis formación musical. Aprendín soa e o que me gustaba era experimentar, sacar sons novos e diferentes do bombo».

Están afeitos ao protagonismo, pero cada recoñecemento que reciben é especial: «Loitamos pola nosa música e pola nosa cultura e vemos que valoran o esforzo. Iso non ten prezo», comenta Maruxa Miguéns. Aínda que ultimamente é complicado ver a Os Rosales en acción, de seguro que teñen reservada para este domingo unha animada foliada.