Ilústranos o gran municipalista e colaborador desta edición X. Ramón Alvite con dous datos moi elocuentes. Os concellos da bisbarra rebaixaron as súas (¿ou as nosas?) débedas en vinte millóns dende 2009 ata 2016, o que supón un 51,68 %, sen que se producira ningunha catástrofe insuperable, así como que entre 2015-2016 aliviaron as finanzas en cinco millóns que, como moi ben refire Alvite, trae causa dunha das mellores leis, quizais a mellor, promovidas polo goberno de Rajoy e severamente aplicada polo, neste caso inxustamente denostado, Montoro. Se isto fose constitucionalmente posible para o caso das autonomías, arranxaría un dos graves problemas deste país: o déficit público.
Nestes intres estanse negociando o teito de gasto e os orzamentos de 2018 e o conto vai por outras corredoiras. Ás autonomías non só non se lles recorta (nin se lles controla) senón que aínda lles toca a lotería, un décimo premiado que ninguén ten asegurado na vindeira do Nadal e nisto está o miolo da reflexión, a practicamente incapacidade constitucional do goberno da nación de planificar a actividade económica xeral do Estado prevista no artigo 131.1 da CE, xa que segundo o 131.2 precisa da colaboración, entre outros... ¡das comunidades autónomas! ¡Toma castañas!.
Estamos mergullados na virulenta chantaxe de Cataluña e cando pensabamos que o PSOE ía colaborar, incluída, no seu caso, a aplicación do ambiguo artigo 155 CE, resulta que si pero que non. Atinan os de Ciudadanos cando propoñen unha reviravolta institucional profunda porque, se non, este país será unha hecatombe.