Vén de publicar unha biografía do poeta do mar que está marcada pola inxente documentación que nutre cada páxina
20 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía é o título da nova publicación de Xosé Luís Axeitos (Asados, 1945), unha biografía sobre o autor do poemario De catro a catro que se apoia nun extenso labor de documentación e que verte luz sobre aspectos descoñecidos da vida do poeta, como a súa infancia, en cada unha das 300 páxinas desta obra.
-¿Que novidades aporta esta biografía á figura do poeta?
-Coñeciamos exclusivamente a Manuel Antonio, pero esa é a parte máis breve da súa biografía. El antes foi Leliño no círculo familiar, despois Lelo, cando se independiza da familia e di que non quere ser cura, e posteriormente, Manolo. Ilumina toda unha faceta descoñecida dun personaxe literario chamado Manuel Antonio.
-¿Como foi o labor de documentación que sustenta esta obra?
-Foi un traballo de máis de catro anos. Elaborei un cuestionario que fun respondendo co arquivo familiar e o expediente militar. Facendo algunhas interrogacións topeime con respostas documentais que contradicían o meu propio pensamento. Gran parte da documentación é a que pertencía á súa nai. Posiblemente estea purgada, pois todo o mundo rompe algunha carta comprometida. Analicei máis de 400 epístolas e 200 fotografías.
-¿De que grao de documentación estamos a falar?
-A biografía está tan rigorosamente documentada que non poño un só adxectivo que non poida demostrar. Por exemplo, apareceron cabelos de Manuel Antonio cando tiña 8 anos e comprobo que era un rapaz louro. Entón engado o dato, pero non fago alusión á historia que o proba.
-¿Agasallaríanos con algunha curiosidade extraída do libro?
-Existen moitos aspectos anecdóticos, como que pagou 500 pesetas para librarse do servizo militar. Incluso co nome, sempre existiu a pregunta de se é Manoel Antonio ou Manuel Antonio. Non o explico no libro, pero dos centenares de cartas realicei unha porcentaxe das sinaturas. Dependendo do interlocutor, por exemplo as faccións das Irmandades da Fala na Coruña e Ourense, empregaba un ou outro. Na primeira apostarían por Manuel e na segunda por Manoel.
-¿Cal cre que é o grao de coñecemento da poboación sobre Manuel Antonio?
-Hai tantos biógrafos como lectores e nunca hai dous iguais. Co traballo literario pasa o mesmo, acrecéntase o mito da enfermidade polo descoñecemento. Manuel Antonio non morre no 1930, continúa vivo ata os nosos días. Por iso dedico a metade do libro á súa obra. Pero moitos non saben que queimou unha bandeira española ou que escapou para alistarse na lexión estranxeira. Son feitos controvertidos, mais reais e comprobados. Sentinme responsable de recoller todos eles e poñer unha orde.
-¿Esta biografía pode cambiar a visión que temos del?
-É posible, ata eu mesmo tiven ideas e tentacións que non coinciden. Quixen ver un Manuel Antonio anarcosindicalista, pero trala análise atopeime a un autor desencantado coa actividade das Irmandades e con amigos que se alistan na Unión Patriótica de Primo de Rivera.
-A publicación do manifesto Máis alá foi un punto de inflexión, ¿como o recolleu?
-O manifesto xoga un papel importante, rompe co oficialismo canónico de Rosalía, Curros e Pondal e coa crítica. Un rapaz que apenas levaba 19 poemas publicados lanza este reto e queda libre para todas as innovacións literarias. Nunca quixo escribir na revista Nós nin en El Pueblo Gallego. Pagou constantemente esa ousadía e non foi acollido por ningún círculo, por iso na posguerra chamábano «poeta aelleiro» e trala súa morte todas as necrolóxicas e obituarios son de escritores mozos, como Luís Seoane ou Otero Espasandín.