«A nosa paixón é a madeira, pero non podemos vivir do romanticismo»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O rianxeiro asumiu o reto de substituír a Gerardo Triñanes á fronte da entidade e desenvolver o seu papel á perfección

17 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva no sangue a carpintaría de ribeira. Hai máis de cen anos que o seu avó puxo en pé un estaleiro no que, tres xeracións máis tarde, seguen a construírse exclusivamente barcos de madeira. Di Ramón Collazo (Rianxo, 1963), presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), que os da súa especie son uns superviventes e non dubida en poñer sobre os ombreiros o peso da responsabilidade de ser, xunto aos demais socios da entidade, «salvagarda do patrimonio marítimo flotante». De tradición, de innovación e de futuro fala entre a actividade frenética do seu taller.

-A comezos do verán firmouse un convenio coa Consellería do Mar, ¿con que finalidade?

-O convenio ten dous apartados: a difusión da carpintería de ribeira, cunhas xornadas que se van celebrar en Rianxo en outubro, e a elaboración dun catálogo en consonancia coa declaración da actividade como ben de interese cultural.

-¿En que consiste ese catálogo?

-Estase recompilando información para lograr un documento que recolla boas prácticas para a recuperación das embarcacións tradicionais e de época, respectando o bo facer dos carpinteiros de antes, pero incorporando novas técnicas e novos compostos para o selado da madeira, a estanquidade... Neste catálogo tamén vai haber unha actualización do censo de estaleiros de madeira. O último elaborouno o Cetmar no marco dun estudo realizado hai uns 11 anos. Hoxe somos vinte socios na entidade, naquel momento o número duplicábase. Necesitamos a tutela da Administración, que nos está axudando moito, porque cos que somos non temos capacidade para sacar isto adiante.

-Reivindicaba vostede no momento da firma dese convenio que a carpintería de ribeira é un oficio con futuro, pero os datos que dá non convidan ao optimismo.

-Somos uns superviventes, o carpinteiro de ribeira é un especialista que diversificou o seu traballo, soubo adaptarse aos novos tempos. Agora facemos todo o barco nós, o casco, o motor, a montaxe, todo. A nosa paixón é a madeira, pero non podemos vivir do romanticismo e facemos traballos en todo tipo de barcos, só construímos en madeira, pero facemos moitas modernizacións e transformación de embarcacións. Diversificamos, por iso estamos abertos.

-¿É competitivo o barco de madeira con respecto aos feitos en outros materiais?

-Si, e aquí en Galicia incluso é máis barato, en outros países é un luxo, pero aquí non. O barco que mellor navega naturalmente é o de madeira, pola forma de construílo, e non necesita máis mantemento que outros. Sempre nos achacaron iso, que as embarcacións de madeira tiñan moito mantemento e non é así. En cascos que se construíron de vinte anos para aquí incluso diría que é inferior. O traballo de carpintería para poñer a punto na subida anual un buque de doce anos non leva máis de catro ou cinco horas de traballo.

-¿E hai relevo?

-Está difícil, pero nós pelexaremos por iso. Hai outra cuestión a ter en conta, non existe formación regrada sobre a carpintería de ribeira. É necesaria e habería que implicar a todos os sectores. Os enxeñeiros navais descobren que aínda existe a carpintería de ribeira cando acaban a carreira, nin sequera se menciona.

-¿De onde sae o persoal novo se non existe formación?

-Reciclamos carpinteiros de branco, como lles chamamos nós, ebanistas.

Coa chegada do outono, Rianxo será escenario dunhas xornadas centradas na carpintería de ribeira, una iniciativa que se vai desenvolver co apoio da Administración e na que se van tratar as principais cuestións que teñen que ver coa actividade da construción de barcos en madeira.

-Falaba de que o convenio con Mar permitirá celebrar unhas xornadas en Rianxo, ¿en que van consistir?

-Serán a finais de outubro e imos tratar catro puntos fundamentais da nosa actividade. O primeiro é a reivindicación do pleno sentido produtivo da carpintería de ribeira e da súa condición de patrimonio marítimo flotante. Outra cuestión é a pelexa que temos para que se aprobe e se recoñeza o regulamento sobre a construción en madeira. Xa está desenvolvido e só falta que lle dean para diante. O único documento desde tipo que existe e está recoñecido é dos anos 60, non inclúe todo o que foi xurdindo en todos estes anos, ningunha das innovacións que foron aparecendo.

-Hai tempo que Agalcari está loitando para sacar adiante ese regulamento; semella que se avanzou pouco neste sentido...

-Quixera que polo menos quedara algo polo que estamos pelexando desde hai dez ou doce anos. Queremos ter unha marca de calidade da carpintaría de ribeira galega, e ese regulamento é o que ten que amparala, unha cousa vai ligada á outra. Nin sequera pretendemos que ese documento sexa de obrigado cumprimento, pero o que queira construír baixo ese selo de calidade terá que axustarse a esas normas.

-Nas xornadas vanse tratar catro puntos fundamentais, ¿cales son os outros?

-Un terceiro tema é facer fincapé en que se recoñeza aos barcos de madeira a pegada de carbono próxima a cero, tanto na súa construción como no seu uso e incluso no seu desmantelamento. Os barcos de poliéster son un problema neste sentido porque non saben que facer con eles ao desguazalos. E o cuarto é o da innovación, é posible que nas xornadas contemos con alguén que fale de novos compostos que nos axuden a reducir aínda máis o mantemento da madeira.

-Colleu as rendas de Agalcari da man de Gerardo Triñanes, ¿como está a ser a experiencia?

-Non me gusta demasiado figurar, pero sempre estiven comprometido coa asociación. E Gerardo é un espello no que mirarse, sempre foi un innovador.