O BNG puxo de relevo o pouco que cambiou a política, mentres que na homenaxe veciñal se lembrou aos represaliados
13 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Como cada 12 de outubro, na parroquia sonense de Nebra houbo veciños que onte non festexaron o Día da Hispanidade, senón que conmemoraron a traxedia que levou por diante a vida de cinco persoas, os mártires de Cans, e deixou feridas a decenas de veciños. Pero tamén, igual que vén acontecendo nos últimos anos, houbo división nesa homenaxe aos caídos, e mentres os actos impulsados pola veciñanza incidiron no recordo aos represaliados de Porto do Son tanto despois daquel 12 de outubro de 1916 coma durante a guerra e a ditadura, no do BNG houbo moitas alusións ao momento político actual e a que, 101 anos máis tarde, nada mudou.
O boirense Xosé Deira foi o encargado de intervir durante a homenaxe que a formación nacionalista realizou en lembranza dos veciños de Nebra que morreron durante unha protesta contra o cobro dun imposto inxusto: «Non viñemos chorar nin esixir nada, senón honrar ás persoas que deron a súa vida defendendo uns valores. Que saiban que o seu sacrificio non foi en balde». Diante de veciños e integrantes do BNG de distintos puntos da comarca, Deira comparou a situación de 1916 coa actual: «A forma de resolver os problemas hoxe é igual que a de entón, pola forza. En Cataluña hoxe non reclaman nada, só querían ir votar, e en nome da unidade, da constitucionalidade e da legalidade estanse a cometer atrocidades».
E rematou recordando os longos anos nos que a historia dos mártires de Nebra permaneceu oculta: «A política debe dar voz aos silenciados. Todos somos debedores cos que contribuístes a facer un mundo mellor».
Proxección e conferencia
Tralo paso dos membros do BNG pola ponte de Cans, tivo lugar no mesmo punto o segundo acto de homenaxe aos sonenses asasinados en 1916, cunha ofrenda floral e sen discursos, no que cada cal, veciños e familiares, manifestou os sentimentos que lle provoca cada 12 de outubro.
Previamente, houbo unha misa na memoria dos mártires de Nebra, e os actos completáronse coa proxección da curtametraxe Botellas e unha conferencia a cargo do historiador Francisco Leira coa que se pretendeu reparar a memoria, non só dos mortos en Cans, senón tamén dos represaliados. Falouse das agrupacións agrarias que xurdiron tralos acontecementos do 1916 e repasouse a traxectoria vital de medio cento de represaliados do municipio.