Cultivos na cidade

BARBANZA

matalobos

09 dic 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Ó lado de noticias que falan da seca, dos problemas para a agricultura porque non chove o que debía ou da nova vaga de fame que sofren os países de sempre, as estatísticas din que cada día hai máis xente fuxindo do rural para instalarse preto dos polígonos industrias, porque calquera de nós prefire a nómina dun taller mecánico a vender patacas, co que o grande desafío da poboación mundial pasa precisamente por encontrar quen sache a terra, traballo tan escravo e duro como antigo e necesario. E sorpréndome co anuncio da creación de xardíns instalados nos edificios das cidades para fornecer de produtos agrícolas ós seus moradores, o eterno e utópico soño de abastecerse do propio sen necesidade do mercado que fomenta a desigualdade.

Con todo, non creo que esas propostas de converter os edificios en solares babilónicos vaian solucionar os problemas alimenticios do mundo, cuxa poboación, segundo datos da ONU, será urbana nun 66 % en poucos anos. Co que volvemos á redundante pregunta de sempre, ¿quen vai traballar a terra? ou ¿quen vai preferir remexer na terra podendo facelo na graxa dun motor?.

Así, con estas preguntas naceu esta tendencia da agritectura, unha proposta para producir alimentos en tellados e azoteas, co fin de que os residentes poidan abastecerse do que cultiven e teñan cuberta así unha parte das súas necesidades. E por moi absurdo que pareza, trabállase niso, por exemplo, na cidade sueca de Linköping, onde se proxecta un edificio con hortas incluídas. Non sei se á comunidade de veciños lle sae máis á conta sacar unha derrama para sachos e abonos ou se non sairía mellor axudándolle a quen decida recuperar as terras abandonadas e labrar os montes bravos.

Heivos dicir que teño amigos que xa trocaron os xeranios do seu balcón por macetas de tomates en pleno centro da cidade e os días da colleita invítannos a unha cea, porque para máis non dá a produción, ou outros que cultivan hortas alugadas nalgún solar esquecido entre edificios de dez pisos mentres agardan a licenza de construción, algo que sempre tomei por unha especie de entretemento para neolabregos, mentres os labregos de toda a vida están desprotexidos diante da administración e son obrigados a abandonar os campos e os montes poboados de toxeiras que son verdadeiros imáns para o lume.

En Cataluña apareceu, non hai moitos anos, a moda do aluguer de parcelas urbanas a xubilados, que copiaron noutras cidades, máis coa idea dun entretemento ca como unha solución de abastecemento de mercados. E en Londres, cidade cosmopolita e cunha alta ocupación, que se ve obrigada a traer os tomates e as leitugas de Almería ou mesmo do outro lado do Atlántico, xa instalaron nos túneles dalgunha liña de metro en desuso, hortas de cultivo onde adaptan as condicións do lugar, sen verse influenciados polas estacións ou a variación de temperatura, para producir alimentos, substituíndo a luz do sol por lámpadas led e usando a auga que se filtra polos túneles para o rego dun humus adaptado a cada tipo de produto, exento de terra e de bechos, escusando por todo isto o uso de insecticidas. Mais o certo é que a produción destes invernadoiros, que ocupan ata doce plantas no subsolo, só serve para fornecer uns poucos restaurantes ou tendas gourmet. Así que, na miña opinión, iso de abastecerse con leiras sobre o asfalto segue sendo unha utopía.