«Os concellos tiñamos que dar un golpe na mesa dunha vez por todas»

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Ruiz Rivas subliña que o turismo precisa máis implicación privada para o seu desenvolvemento

28 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ruiz Rivas é tamén un alcalde crítico coas medidas de aforro do Goberno central, que dificultan a xestión dos concellos.

-Pasan os anos e mantense o principal problema da cidade, a falta dun acceso en condicións. ¿Para cando señor Ruiz?

-Os concellos tiñamos que dar un golpe na mesa dunha vez por todas. En toda a etapa democrática, é triste que non teñan a capacidade de levar adiante un modelo de cidade por si mesmos. Para calquera inversión medianamente importante sempre necesitamos a outra Administración. Iso fai que o que pode ser a nosa prioridade non o sexa para outras Administración. Grazas a Deus, o proxecto da circunvalación creo que agora está desbloqueado. Nestes próximos meses vai saír o trazado definitivo. Espero que este mesmo ano teñamos a proposta da obra, pero volvo repetir, o problema é que todo o que supera as pequenas obras veciñais escapa á nosa capacidade de afrontalo.

-¿Paréceme a min ou estalle tirando unha pulla a Montoro?

-Calquera alcalde que non lle pegue unha pulla a Montoro non estaría defendendo os intereses do seu concello. Os municipios sempre fomos tratados como unha Administración menor. Coa Ley de Estabilidad Presupuestaria, a pesar de que practicamente tódolos concellos tiñamos as cousas ben feitas, con remanentes positivos, o que fixo Montoro foi meter a todos na obriga de rebaixar o déficit público por medio dun estrito axuste que curiosamente castiga a quen máis se esforzou.

-¿Considera entón que o Goberno «amigo» de Madrid non estivo á altura con Ribeira?

-Si estivo á altura. Os datos están aí. De feito, a obra máis importante fíxoa o Goberno.

-¿E a Xunta de Galicia?

-Non teño queixa nin da Xunta nin da Deputación. Do único que me queixo é de que teñamos que depender doutras Administracións para resolver cuestións que debían estar nas nosas mans.

-Un lembra cando miraba o porto na fin de semana e estaba petado de barcos, e agora dá pena o baleiro. ¿Un dos piares da economía de Ribeira está feble?

-Eu vexo o vaso medio cheo, porque a flota tivo a capacidade de buscar outros portos, outras augas nas que traballar e, ao mesmo tempo, seguir vendendo na lonxa de Ribeira. Podemos continuar presumindo de seguir sendo o municipio con máis barcos e máis persoas na pesca, e a lonxa está en máximos históricos.

-Esa dependencia do mar ten o seu risco e o polígono de Xarás está esgotado.

-É verdade que Ribeira ten unha dependencia moi alta do mar. O mar e a conserva supoñen practicamente o 85 % da nosa riqueza. O sector servizos, é dicir o turismo, necesita máis implicación privada. Mentres non a haxa, os turistas escollerán outros destinos. En canto ao polígono, é unha necesidade que creo que vamos ver satisfeita neste mandato. Unha vez que se nos dea o informe positivo, darase conta do interese das empresas en ocupar o parque empresarial.

-A ver, véndame a Ribeira de Manuel Ruiz Rivas como alcalde ata agora.

-Vexo Ribeira como unha cidade, e non como un pobo ou unha aldea, e iso fai que, moitas veces, a xente non o entenda, pero creo que demos pasos importantes a prol do benestar social, de cara a solucionar problemas ambientais e económicos, de cara a facer esa cidade para as persoas. Ese é o camiño que temos que percorrer, aínda que algunhas das actuacións poidan doer. Por exemplo, hai quen prefire ter dous carrís para os coches en vez de un e outro para bicicletas, sen embargo, no meu modelo teñen cabida todas as sensibilidades.