Unha profesión con futuro

BARBANZA

MATALOBOS

03 feb 2018 . Actualizado a las 05:15 h.

O problema é sempre o mesmo, anticiparse ó que o mercado laboral vai demandar e a nós nos vai gustar, e para os centros educativos ofertar algo que atraia a cobiza dos estudantes. Por iso nos sorprendeu a noticia de que unha universidade turca vai impartir un curso de diplomacia para tratar con extraterrestres. Co difícil que debe ser.

Se para alguén do bacharelato xa non é doado escoller entre ciencias ou letras, ou aínda a maiores, cando ha de decidirse sobre un abano de materias que serán a base dos seus estudios universitarios, non me imaxino a un adolescente tendo que decidirse entre unha carreira de andar por casa ou unha con visos interestelares. Nós, que malamente sabemos tratar cos veciños de escaleira, canto máis cuns tipos de quen, a día de hoxe, non sabemos nin onde teñen as orellas. ¿Quen ía pensar hai menos de douscentos anos que a profesión de mecánico sería unha das máis demandadas?. Así que, a esta outra tamén lle auguro moito futuro por diante, pero ollo, porque non se trata de escoller o que desexan agora, senón o que van querer, desfrutar e amar para o resto das súas vidas, e falar con descoñecidos de pintas raras non vai ser moi doado. O mesmo Xulio, que disto sabe un pouco, nunca sabe que aconsellarlle ós fillos e netos dos nosos amigos.

Por iso a ocorrencia desa universidade turca ofertando un curso en Ufoloxía e Exopolítica, dado que, segundo os sesudos catedráticos que elaboraron o currículo, moi axiña será unha das profesións máis demandadas, crea en nós toda unha restra de dúbidas, e o primeiro que se lle ocorre preguntar a Xulio é onde vai facer o alumnado as prácticas. Moncho di que non vai ser necesario deixar este mundo para practicar o trato con extraterrestres.

O profesor titular de tan prometedor curso, Erhan Kolbasi, para quen con total seguridade todos os licenciados sairán cun contracto de especialistas en diplomacia interestelar baixo o brazo, asegura que en non máis de 15 anos, segundo os seus cálculos, haberá un contacto entre as dúas civilizacións, e será o maior encontro (¿ou encontrón?) da historia da humanidade. Tanto é así que, como adianto das moitas marabillas que nos agardan, o profesor asegura que tecnoloxías como a fibra óptica, o microchip ou os aparellos de visión nocturna, foron eles, e non os currantes de Silicon Valley, quen nolos facilitaron, xa porque os deixaron ó noso alcance ou porque lle quedaron nalgunha nave avariada, abandonada ou escachizada tras un mal aterraxe co fin de irnos poñendo á súa altura. Tamén apuntou o profesor, que hai distintos grupos traballando no asunto, tal unha especie de axentes secretos, coñecidos como os homes de negro, que acotío visitan a todo aquel que tivo algún contacto con ovnis e extraterrestres, un grupo que xa foi creado polo presidente Truman baixo o nome de Majestic 12 (MJ-12), para ir recompilando os datos a que este profesor ten acceso e agora poñerá a disposición do alumnado que pague a matrícula.

O curioso é que este señor Erhan, vicepresidente dun tal Centro de Ciencias do Espazo, a pesar de levar oito anos traballando en temas relacionados, non sabe dicir con quen contactarán primeiro os alieníxenas, se con Trump, que é quen de poñerlles un muro diante dos nefres, con Kim Jong-Un que ben pode mandarlles un mísil en canto pidan pista para aterrar ou con algún líder europeo que os reclúa nun campo de concentración para refuxiados.

A diplomacia con extraterrestres, sen dúbida unha profesión con futuro para cando os ET se decidan a estreitarnos a man, non vai ser doada.