O be do uve

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

27 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son dun concello, A Pobra do Caramiñal, onde nos pasamos media década dos 80 discutindo ata o cansazo sobre se Puebla ou Pobra. O asunto era máis difícil que o de Ribeira, porque aquí había unha diferenza clara nos usos orais. Ao fin, o topónimo normalizouse, non pasou nada e ninguén cuestiona hoxe o uso oficial da Pobra. E na vida privada, cadaquén que lle chame como queira.

Así que estiven estes días seguindo con certa curiosidade a surrealista polémica ao redor do uve de Ribeira. Enténdase, o que máis me interesaba era saber que problema lle ven ao topónimo lexítimo os que defenden o uve, toda vez que non existe ningunha -repito, ningunha- xustificación histórica e documental do uso desa grafía no nome tradicional de Ribeira.

Sobre todo para comprender por que unha institución pública, o Concello, decide situarse na ilegalidade dando un exemplo pésimo e un alcalde, o señor Manuel Ruiz Rivas, que parece persoa razoable, incentive unha postura indefendible, que crea división e unha mala imaxe exterior do municipio.

O que vin non me gustou ren. Revela como, tras corenta anos de autonomía, seguimos a ter un problema. Persoas ás que lles custa ver o galego como unha lingua normal, que pode ser usada plenamente en todos os ámbitos. En gran parte grazas á nosa lingua, podemos dispoñer en Galicia un amplo nivel de autonomía e recursos.

Mentres non consigamos facer ver o gran valor económico e político da nosa identidade e os políticos se aproveiten dos terribles vellos prexuízos, será difícil facer prosperar esta terra.