Formou parte do equipo do premiado filme «Dhogs» e traballa na actualidade con Juanjo Giménez
20 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Actores e directores conforman o rutilante firmamento do sétimo arte, acaparando os destelos das cámaras alá por onde van; pero tamén hai estrelas na cara oculta dese mundo do celuloide. Unha delas leva gravado o nome de Sara Horta Crugeiras. Ela traballa no eido da produción e está detrás de grandes éxitos. O último deles, Dhogs, a película que obtivo 13 galardóns na recente edición dos Mestre Mateo, converténdose no filme máis premiado da historia deste festival. A ribeirense está nestes intres mergullada no desenvolvemento de Tres, unha longametraxe do recoñecido Juanjo Giménez, e ven de participar no Festival de Cannes.
Valentía e decisión son dúas das virtudes desta profesional, cualidades que de seguro desencadearon a intensidade da súa curta traxectoria. Nada máis rematar o ciclo superior de Audiovisual na rama de Realización, lanzouse ao mundo empresarial poñendo en marcha unha produtora cun compañeiro de pupitre, Jairo Iglesias. Os dous traballaran xuntos cando estaban estudando en Cicatrices, curta que gañara un Mestre Mateo, e aliáronse para lanzar Pixel Films. Apostaron moi forte: «Fomos os primeiros do noroeste de España en contar cunha cámara dixital que igualaba a calidade do cine, e iso permitiunos ter unha moi boa posición no mercado case desde o primeiro momento», explica Sara Horta.
Longa lista de distincións
Nos oito anos que se mantivo activa esta firma, o dúo situouse detrás de importantes títulos. Tanto foi así que sumou 14 nominacións aos Mestre Mateo por outros tantos proxectos diferentes, chegando a conseguir tres galardóns por De amor e cantería, unha obra experimental realizada a partir dun texto de Manuel María; 3-1=0, unha curta de Javier Galiñanes; e Unary, unha cinta do noiés Luís Avilés. E a esta lista hai que engadirlle os 13 premios de Dhogs, recollidos cando a historia de Pixel Films xa tiña punto de final; e os que poderían chegar con La niña azul, unha curta que leva o selo da extinta empresa pero que aínda está en fase de posprodución.
En xuño do ano pasado, Sara Horta decidiu tomarse un tempo para reflexionar sobre o camiño a seguir. Non tardou en atopalo. Foi contratada como axudante de dirección para Trote, unha curtametraxe de Xacio Baño que está pendente de ser estreada; e para La sombra de la ley, de Luis Tosar. No primeiro dos encargos topouse cos impulsores de Frida Films, unha produtora de Santiago, e con eles se quedou. E nada máis desembarcar, a ribeirense xa deu o salto internacional: «Estiven representando á firma nos Ánxeles, nunha parte da rodaxe de Gallo, un documental que narra a historia do surfista cego Aitor Francesena».
Nestes intres, Sara Horta forma parte do equipo encargado do desenvolvemento de dúas películas que, segundo ela apunta con convicción, «van ser moi potentes». Unha delas é Tres, de Juanjo Giménez, que xa foi seleccionada coma un dos mellores proxectos no festival de Berlín. Da outra, aínda non se poden desvelar os detalles.
Visión internacional
A ribeirense afirma con rotundidade que atopou o seu camiño: «Non tiña moi claro se tirar pola dirección ou pola produción, pero despois de ter experiencias nos dous campos, sei que quero dedicarme á produción de longametraxes e sei que quero estar no equipo de proxectos internacionais». E por cumprir este soño está de novo apostando forte. Ven de participar nun curso no Festival de Cannes, en Francia, o que lle permitiu ter unha visión clara de como se move o sector máis alá de España.
Repartindo o seu tempo entre o traballo e a aprendizaxe, Sara Horta vese no futuro liderando os seus propios proxectos: «Penso que quizais terei esa oportunidade aquí, en Frida Films, onde me sinto moi cómoda». Asegura, ademais, que a súa xefa, Luisa Romeo é un dos seus referentes no eido da produción, xunto coa arxentina Fernanda del Nido. Non lle importaría volver a ter ao seu lado a Andrés Goteira, o director de Dhogs, se ben é certo que con Juanjo Giménez confesa estar nas nubes. De ningún ten celos, aínda que eles se leven e fama: «Ir pola rúa e que non me coñezan mesmo me parece liberador, aínda que si é certo que a nivel de equipo quero que se valore o traballo de cada un».