Á autora preocúpalle a ausencia de valores como o respecto polos maiores
22 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.As matemáticas e a creación literaria casan ben nesta profesora natural da Costa da Morte e afincada en Santiago. Rocío Leira Castro (Cee, 1979) acaba de gañar o Premio de Relato Curto que convoca a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago (USC) e patrocina HM Hospital La Rosaleda con 500 euros. Paxaros caídos é un relato que «baixo a estrutura e forma dunha narración infantil fala dunha problemática de gran calado social como é a violencia de xénero», indica a autora, que recollerá a súa distinción nun acto que se celebrará na Facultade de Filosofía (praza de Mazarelos) hoxe, ás 19.30 horas. O texto gañador pódese ler na web da entidade.
Licenciada en Matemáticas e directora da súa propia academia, Leira acumula varios premios literarios con pezas poéticas e narrativas. «Non teño un xénero predilecto, de feito preciso combinar os dous para sentirme realizada literariamente. Moitas veces depende do momento emocional que estea vivindo», advirte a escritora afeccionada, que cre na combinación de traballo, a persistencia e unha «miguiña» de sorte á hora de gañar premios.
Á pregunta sobre que a leva a contar historias, responde de forma taxativa: «Necesito escribir para ser feliz». E engade que a escrita é unha preferencia que ten dende cativa e que a axudou «moito» en determinados momentos da vida: «É un modo de baleirar emocións, de entenderme mellor e, sobre todo, de evadirme da miña rutina diaria». Enganchada á novela policial e de misterio -Ágatha Christie e Mary Higgins Clark figuran entre as súas autoras favoritas-, a Rocío Leira parécelle que a poesía galega actual é das «máis potentes do ámbito nacional», e subliña nomes como os de María do Cebreiro, Yolanda Castaño ou Miro Villar.
Vulnerabilidade das mulleres
Educación multiplicada por tres é o que propón ela para combater a vulnerabilidade das mulleres: «Creo que a formación é a ferramenta máis potente para que as mulleres poidamos enfrontar un mundo que moitas veces nos é adverso. Non podemos evitar os comportamentos nefastos dos demais, pero fóra disto, a solución está en nós mesmas». A Rocío, que foi voluntaria da Cruz Vermella na etapa universitaria, preocúpalle a ausencia de valores como o do respecto polas persoas maiores. «Tamén cambiaron a peor -engade- as relacións e referencias familiares, así como o modo de tratarnos os uns aos outros, pasando dun trato máis directo no que primaba o contacto visual e corporal a outro no que as leis veñen rexidas polo que nos marcan as pantallas». De feito, prefire ler en papel, «sen ningunha dúbida: xamais leo nada en versión dixital, nin sequera a prensa, porque non son capaz de conectar cos contidos do mesmo feito que cando leo en papel».
A autora recoñece unha «certa» influencia da Costa da Morte na súa obra, no sentido de que o mar e as xentes da comarca son, e foron, protagonistas en moitos dos seus relatos e poemas. «Pero máis que dunha comarca en concreto creo que do que teño verdadeira influencia é do cosmos no que me movín dende a infancia», segundo matiza. Malia a súa afección literaria, a profesora declara que as matemáticas son a súa verdadeira vocación, a paixón que prevalece por enriba de todas as demais. «Aínda que matemáticas e literatura poidan parecer disciplinas totalmente opostas, penso que son máis ben complementarias. Por exemplo, o sentido da métrica e rima da poesía aseméllase moito á métrica matemática», advirte.
Esta matemática, que di non usar practicamente a calculadora -«os matemáticos traballamos máis con letras que con números»-, conclúe que a literatura é unha ventá aberta, unha aprendizaxe continua non só intelectual senón tamén emocional, que pode servir para enfrontarse ao mundo en mellores condicións: «Creo que as mentes cultas teñen maiores vantaxes para abordar os problemas e sobrelevar mellor os contratempos».
Leira chegou a Santiago chorando, pero cando terminou a carreira tiña claro que quería vivir e traballar aquí, «porque Santiago acaba namorando». Agora ben, non perdoa nunca as vacacións na Costa da Morte.
La protagonista. Matemática de profesión, dirixe a súa propia academia, labor que compaxina coa súa afección á escritura.
Último premio. A autora atesoura un gran número de galardóns, aos que se suma este Premio de Relato Curto que convoca a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, co patrocinio de HM Hospital La Rosaleda, e que gañou co relato titulado «Paxaros caídos».