Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Adelo Freire: «Berberecho de Noia non é só unha marca publicitaria, implica un compromiso»

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O representante da entidade explica que o seguinte reto é entrar na denominación Galicia Calidade

02 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A punto de cumprir 17 años como secretario da confraría de Noia, Adelo Freire (Noia, 1971) afirma que a aposta pola calidade e por unha explotación racional dos recursos, adaptando a oferta á demanda, son os cambios máis significativos que introduciu a entidade ao longo dos últimos exercicio: «Eu lembro épocas nas que o berberecho custaba 0,80 euros o quilo e, incluso, de ter problemas para vendelo. Ao ser nós os produtores podemos adecuar a oferta e diso teñen que darse conta os mariscadores. Non hai porque traballar de máis para que un intermediario se leve o beneficio».

-¿Como xurde a iniciativa de crear unha marca de calidade?

-Foi un proceso longo que vén de hai moitos anos. No 2002 xa quixemos entrar na denominación Galicia Calidade, algo que imos volver intentar agora. Eu penso que reunimos as condicións e, ademais, estamos en PescadeRías. Galicia Galidade é a marca de referencia para acudir a feiras. Nós sempre entendemos que ao produto hai que darlle o valor que merece. Non é igual a pesca artesanal á que se fai noutros lugares. Berberecho de Noia non é só unha marca publicitaria, implica un compromiso. Detrás deste selo de calidade hai unha serie de normas conservacionistas e de trazabilidade.

-¿Cales son as garantías para os compradores?

-Non sementamos produto foráneo e as artes de pesca que empregamos son as máis restritivas. Usamos rastros cunha separación de 20 milímetros entre as varas, cando a lei permite que sexan de 16. Se utilizas iso colles moita semente e hai que pensar sempre na campaña presente, pero tamén nas futuras. A talla mínima do noso berberecho é de 28 milímetros. O permitido é de 25, pero eu teño visto a vender de 20. Tamén investimos moitos cartos en sacar depredadores. Este traballo non consiste en recoller sen máis o que dá o mar.

-Unha das queixas recorrentes en sectores como o do mexillón é a etiquetaxe fraudulenta, ¿como van controlar iso?

-Eu xa teño feito denuncias ante a Xunta por posibles etiquetaxes dubidosas. Usar nunha etiqueta o nome de Galicia para un produto vale cartos. Dáselle unha orixe galega a produtos que non o son. Tamén se utilizan ferramentas legais que, sen embargo, non son éticas. Refírome a envases que poñen, por exemplo, que o seu contido foi elaborado nas rías galegas. É legal, porque si a materia prima foi manipulada no territorio permíteselle facer iso, pero as empresas póñeno en letras grandes para que os consumidores interpreten que é galego. Se nun envase aparece como única referencia que foi elaborado en Galicia é unha garantía de que é foráneo. Nós detectamos a un par de industrias que estaban ofrecendo como noiés berberecho que non o era e, claro, tamén a prezos que non se axustaban ao valor real. Ao consumidor interésalle coñecer a orixe do produto, que é o que nós buscamos coa marca de calidade. Sen embargo, loitar contra iso é difícil. A Administración galega debería ter un departamento antifraude.

-¿Que pode aportarlle á confraría e aos seus socios a venda de berberecho coa marca?

-É un recoñecemento para o sector e para o consumidor. Todas as medidas que adoptamos están dirixidas a este último. Ao mesmo tempo, buscamos que se recoñeza como un produto de calidade. Iso implicará unha maior demanda por parte de industrias e depuradoras e o lóxico é que se reflicta no prezo. Sabemos que se trata dun proceso que non é inmediato, pero é un paso máis para revalorizar o bivalvo que extraemos das concesións.

«Ás empresas novas invitámolas a ver o noso modelo de explotación, e moitas quedan impresionadas»

Co propósito de difundir a marca de calidade do berberecho, persoal da confraría acudiu durante o ano a feiras especializadas e internacionais, como Alimentaria ou o Salón de Gourmets de Madrid. Adelo Freire tamén se ocupou deste labor que, anticipa, a entidade manterá no 2019.

-A marca estase promocionando e parece que existe interese.

-Xa temos recibido correos de distintos sitios de España interesándose. Ás empresas novas invitámolas a ver o noso modelo de explotación, e moitas quedan impresionadas. Gústanos que saiban como traballamos. Incluso temos invitado a cociñeiros.

-O uso do selo de calidade implica un compromiso para a confraría, pero tamén para as empresas e depuradoras.

-É algo que atinxe ás dúas partes, porque os compradores deben estar dispostos a someterse a inspeccións periódicas. Poden ser de técnicos da confraría ou dunha axencia especializada. Pero sabemos de depuradores e de fábricas que van empregar a etiqueta da marca de calidade nas latas e nas mallas. Ademais vaise dar outro paso, porque en outubro presentarase o estudo dos marcadores xenéticos do berberecho europeo e a partir de entón poderase saber cal é a procedencia de cada partida.

-Na reunión cos hostaleiros expúxose que no verán, unha época de bastante demanda, non hai berberecho de Noia. ¿Que van facer?

-Non podemos variar un modelo de explotación exitoso. Haino en Muros, onde este ano acadou un prezo moi bo. Se abrísemos as cousas serían distintas. Ademais, o rendemento no verán é menor.