Antón Riveiro Coello: «Non concibo un gran escritor se non hai detrás un enorme lector»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Ollada diferente e moita imaxinación son para el as dotes que debe ter un autor

08 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Atesoura unha dilatada traxectoria como escritor e mesmo está mergullado na elaboración dunha nova novela, pero durante unha tempada Antón Riveiro Coello exercerá de mestre. Este boirense de adopción desvelaralle a un grupo de 25 aspirantes a escritores as claves da creación literaria nun obradoiro que hoxe arranca en Rianxo. Aínda que el está convencido de que para dedicarse a esta profesión hai que ter unha serie de dotes innatas, tamén pensa que a formación é imprescindible: «Hai que ter o que eu chamo ollada, pero tamén se pode mellorar, sobre todo para non caer en erros que son moi comúns».

Pode que esta visión veña dada porque Riveiro Coello non recibiu ningún tipo de axuda nos seus comezos. Asegura que aprendeu o oficio pola súa conta e non o tivo nada doado: «Non nacín nunha casa chea de libros nin tiven un mestre que me guiara. Un día púxenme a escribir un relato e gañei un premio, escribín outro e volvín gañar. Foi entón cando descubrín que non se me debía dar tan mal». Tiña 23 anos cando viu claro que a literatura marcaría a súa vida: «Sempre me pregunto que ocorrería se eu nacera nunha casa con libros, seguro que descubriría moito antes esta paixón».

Precisamente, un dos cometidos do boirense no curso que impartirá en Rianxo é darlle aos participantes ese pulo que ás veces falta: «Quero que a xente lle perda o medo a empregar as palabras. Escribir é un dos oficios máis democráticos que hai, pois só se precisa un folio e un lapis como materiais, pero hai que ter ollada». Pero, que é esa ollada á que se refire unha e outra vez Antón Riveiro? «Consiste en ser capaz de ver o que non ven outros, incluso nun feito cotián. Hai quen fai unha novela dunha conversa nunha cafetería, mentres que outros precisan vivir unha aventura completa con mortes incluídas». Tamén enumera, como calidades que debe ter un bo escritor, a imaxinación e a afección pola lectura: «Non concibo un gran escritor se non hai detrás un enorme lector. É importante aprender do que escriben os demais».

Moitos erros comúns

Nos seus comezos, Antón Riveiro cometeu erros que, co paso do tempo, comprendeu que eran moi comúns. O principal, segundo sinala, perderse en detalles que ao lector lle poden resultar insignificantes: «Ás veces pensamos que o que é interesante para nós tamén o ten que ser para os demais e perdémonos en explicacións innecesarias. Todo o que se empregue nunha novela ten que ter un significado para conseguir agarrar ao lector nas primeiras liñas».

E precisamente nese comezo, nesas letras iniciais, radica o que para este escritor é a parte máis complicada do proceso de creación literaria: «A chispa pode xurdir en calquera momento, pero non é doado identificar ese punto de partida dunha novela. Hai quen parte dunha frase, hai quen ten que ter claros o principio e o final desde o comezo, pero eu parto dunha idea e logo busco documentación, tomo notas, desboto outras... Case sempre me imaxino toda a historia no esqueleto inicial, xusto antes de empezar a escribila».

No referente á novela que ten entre mans, esa chispa produciuse hai xa tempo. Riveiro Coello confesa que leva máis de dous anos dándolle forma, aínda que no pasado mes de agosto pisou o acelerador coa idea de ter listo o borrador a finais de ano. Agora que ten o texto case concluído, quere tomar un respiro: «Mentres estou impartindo o obradoiro de creación literaria en Rianxo aproveitarei para coller distancia e volver ler todo o que escribín durante o verán». Se todo sae segundo os seus cálculos, en decembro poñeralle o punto e final.