Elixio Villaverde: Un ourensán namorado do Barbanza

BARBANZA

Os seus restos mortais están no Novo Tanatorio de Veracruz (O Carballiño) ata o mediodía de hoxe, cando serán levados ao cemiterio de Santa María do Campo (O Irixo)

15 sep 2018 . Actualizado a las 08:23 h.

Hai xente que pasa pola vida coma quen transita polo deserto, e logo están aqueles para os que a súa vida só ten significado se deixa pegada, e entre estes atopábase Elixio Villaverde García, que pode que o seu nome non soe aos mozos, pero si a un feixe de barbanceses que tivemos a fortuna de coñecelo, tratalo e incluso de trabar amizade con el. Onte chegoume a nova do seu falecemento, porque hai anos que cambiou o instituto da Pobra, onde exerceu a docencia por espazo de dez anos, por un de Compostela, cidade na que se estableceu e formou familia, froito da que tivo dous fillos.

Lembro como o coñecín: defendendo uns alumnos que tiveran unha liorta, o que lle custou tal desgusto que xa nunca máis estivo cómodo no centro no que conseguira praza despois de pasar por outros de Cedeira e da Coruña. Pódese considerar o máximo responsable de que Boiro descubrise que un galeguista coñecido como Ramón Martínez López viñera ao mundo nunha vivenda en Cimadevila situada a carón do cruce da Boliña, e de lograr que a Casa da Cultura levase o seu nome, grazas a que o entón alcalde Manuel Velo foi sensible á reivindicación de Elixio, quen foi autor do libro Ramón Martínez López. Pola universalidade de Galicia, baseado nas longas conversas que tivera co polígrafo boirense e nas súas investigacións sobre o exilio galego. Non quedou aí a súa vea axitadora social, porque foi tamén un dos artífices dun movemento creativo denominado Xoves Culturais do Barbanza, que cada mes desenvolvía actividades polos municipios da bisbarra.

O seu apego á comarca foi tal que, con motivo dunha entrevista que lle fixen hai uns anos, explicaba: «Namoroume o Barbanza. Máis aínda cando coñecín o carácter aberto e reivindicativo das mariscadoras dos Areóns e Barraña, e a afouteza de vellos mariñeiros, curtidos en mil singraduras. Eles ensináronme, como Corto Maltés a Susana, os nomes de cidades portuarias e illas de todas as latitudes, a ‘saber pedras’ e correntes e a utopía de mirar desafiante as bandeiras, fose cal for a cor e a terra que prometesen».

Os seus restos mortais están no Novo Tanatorio de Veracruz (O Carballiño) ata o mediodía de hoxe, cando serán levados ao cemiterio de Santa María do Campo (O Irixo) para seren inhumados.