Blanca-Ana Roig: «Barbantia sementa por toda a comarca cultura, identidade e amor polas artes»
BARBANZA
A asociación vén de recoñecer as máis de catro décadas de traxectoria da sonense
13 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A catedrática de Literatura Galega na USC (especialista en literatura infantil e xuvenil) e presidenta da Asociación Nacional de Investigadores en Literatura Infantil e Xuvenil, Blanca-Ana Roig Rehcou, foi elixida este ano polos socios de Barbantia para obter o sereo da cultura galega. Asegura que, despois de optar ao galardón en varias ocasións, recibiu a noticia con ledicia, sobre todo pola importancia que lle concede tanto aos premios como á entidade que os promove: «Considero que Barbantia é unha plataforma cultural aberta, libre, que mantén os ideais da súa creación, un colectivo moi activo grazas á excelencia de quen o creou e o dirixe, pois os asociados non sempre cumprimos cos mandados, falo por min, que levo uns anos sen atendelos como debería».
Unha vez que empeza, a investigadora de Porto do Son é incapaz de deixar de eloxiar o labor que desenvolve a asociación: «Barbantia sementa por toda a comarca cultura, identidade e amor polas artes, polo pensamento, tan preciso sempre pero máis nestes tempos convulsos que corren, nos que a lectura, a reflexión e a memoria non son os bens máis prezados, posiblemente pola rapidez que nos leva. Ademais fai visible a comarca, como fixo, por exemplo, o Grupo Nós coas súas actividades».
O sereo que Blanca-Ana Roig recollerá este sábado no auditorio de Ribeira é un premio a máis de catro décadas de incansable traballo, unha traxectoria que mantén viva desde varias frontes. Unha delas, a de profesora e investigadora ad honoren na Universidade de Santiago de Compostela, desde onde dirixe teses de doutoramento, imparte algunhas aulas no máster de Literatura Infantil e Xuvenil e forma parte de investigacións.
Outra liña de actuación na que está mergullada a barbancesa ten que ver coa Asociación Nacional de Investigadores en Literatura Infantil e Xuvenil, da que é presidenta: «É unha entidade que pretende dar a coñecer o traballo de investigación que se realiza sobre literatura infantil e xuvenil en España». Para iso, realiza congresos, publica unha revista, Anuario de literatura infantil y juvenil, e procura apoiar a investigación a nivel internacional.
Accións en marcha
Como muller dinámica que é, Blanca-Ana Roig ten un feixe de proxectos enriba da mesa. Estes días atópase en Porto, participando na vixésimo cuarta edición duns encontros promovidos pola Escola Superior de Educação e a rede de investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano, que dirixe. Traballa para dar a coñecer o último monográfico desta rede, As mulleres como axentes femininas no século XXI, que veñen de publicar Edicións Xerais de Galicia e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e afronta a coordinación da colección Bibliodidáctica que publica Hércules e que acaba de sacar o seu segundo número De letras e de Imaxes na educación primaria. Carlos Casares e xa está preparando o seguinte.
E non quedan aí as iniciativas que ten en mente a profesora de Porto do Son. Ela aspira, por riba de todo, a que a investigación da literatura non caia no esquecemento: «Moitas veces dáselle pouca importancia á literatura e úsase para fins diferentes, confundindo literatura con libros formativo-didácticos, que son moi importantes para o inicio da lectoescritura, para formar e informar, pero non son literarios». Entre os seus propósitos está tamén o de seguir animando aos docentes a facer a mellor selección posible de libros en función da idade dos alumnos.
E, como non, Blanca-Ana Roig sostén que non deixará nunca de estudar, e polo tanto animar, «a creación en galego destinada aos máis novos, seguindo o rastro de autores clásicos que xa nos abandonaron, como por exemplo Carlos Casares, Agustín Fernández Paz e o noso barbantiano Carlos Mosteiro, que sempre axudou á asociación».