Non imos dicir que a regulación da orde hereditaria da Coroa española sexa un mal menor, nin moito menos, pero de aí a que haxa que esperar a cada novo embarazo da princesa de Asturias para que se escoiten graves voces ponderando a vixencia, magnificencia e solvencia da Constitución resulta, como pouco, sospeitoso e contraditorio. Dá a sensación de que o único artigo da Carta Magna ao que lle debemos fidelidade extrema é o 57 do título II, precisamente aquel co que a inmensa maioría dos españois están en desacordo, aquel sobre o que existe consenso para a súa reforma e aquel que admitiría unha interpretación bipolar ou sibilina para manter á infanta Leonor como herdeira.
Porque para interpretacións libérrimas que se veñen facendo sen se encomendar nin a Deus nin ao diaño, chegar con comezar a lectura da Constitución polo título preliminar para constatar que toman a chanza todos e cada un dos artigos fundamentais da Carta, desde a soberanía nacional -que reside no pobo español e non nunha parte- á indisoluble unidade da Nación, pasando pola lingua oficial do Estado e a presenza de símbolos e bandeiras, e iso por non saír desa primeira parte.
Como, hoxe por hoxe, o único artigo susceptible de reforma é precisamente o 57 e como é un artigo que en teoría non nos debe afectar ata dentro dunha morea de anos, é razoable que o Goberno non considere de urxencia abordar esta cuestión. Urxente é, pola contra, a aplicación do resto dos artigos, porque son estes os que inflúen no día a día, os que marcan as regras do xogo e os que lle permiten a cada cidadán saber a que deberes está suxeito e cales son os dereitos que o amparan. Por exemplo, ¿ampara a Constitución española aos pais que desexan unha educación en castelán -a lingua española- para os seus fillos en calquera territorio do estado? Non, non os ampara. Vaia, pois iso.