Na entrega dos sereos volveu quedar constatado que a asociación é o gran motor cultural da comarca
16 dic 2018 . Actualizado a las 20:47 h.Celebraba onte o seu acto anual máis importante, a entrega dos sereos, e Barbantia volvía a poñer de manifesto que é nestes intres o gran motor cultural da comarca. Os seus directivos facían balance das actividades levadas a cabo neste 2018, mentres os convidados, tanto as autoridades coma os premiados, destacaban a importancia dunha entidade que animaban a seguir sementando cultura. A asociación, que xa ten 14 anos cumpridos, aspira, cada vez máis fortalecida, a seguir a súa traxectoria ascendente. Como dicía onte o seu presidente, Manuel Cartea: «A cultura é o noso ADN, feito de utopía e esforzo».
A gala de entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2018 tiña lugar no auditorio de Ribeira, con Serafín Marcos como mestre de cerimonias. Comezaba da man do propio Cartea e de Pilar Sampedro, vogal da asociación, que debullaban as diferentes colaboracións que nesta ocasión lle dan forma ao Anuario de estudos do Barbanza, que tamén onte era presentado. O responsable da entidade aproveitaba a súa quenda de palabra para agradecer o labor do incansable Xoán Pastor Rodríguez, «alma da entidade e fontaneiro que se encarga sempre de que todo estea a punto», e para lembrar dúas grandes perdas que este ano sufriu a cultura barbancesa: Plácido Betanzos e Maxi Olariaga.
Antes de que Maralla, Blanca-Ana Roig e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza (CRMH) recolleran os seus sereos, Manuel Cartea lanzáballes unha mensaxe: «Un premio é un recoñecemento a un mérito, unha compensación, pero tamén un impulso e un compromiso, polo que os galardoados teñen que seguir traballando con máis esforzo e máis ímpeto».
Apoio unánime
Ánxela Franco, deputada provincial, colleu o relevo de Cartea para felicitar a Barbantia, entidade da que dixo que «haberá que darlle as grazas eternamente polo seu labor a prol das artes e da cultura», e para seguir brindándolle o apoio da Deputación coruñesa, deixando claro que a liña de colaboración que está aberta se manterá no futuro. Un apoio que a asociación cultural tamén recibiu onte do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo. Confirmouno despois de cualificar á entidade coma un exemplo do asociacionismo civil: «O labor de colectivos como Barbantia é imprescindible para difundir a cultura en Galicia».
Do mesmo xeito, a entidade cultural conta co apoio do Concello de Ribeira. Brindoullo onte o rexedor local, Manuel Ruiz, despois de unirse ás felicitacións cara o colectivo anfitrión, do que destacou a capacidade que ten para unir a veciños de diversos municipios ao redor dun interese común, neste caso, a cultura.
Tamén os galardoados cos sereos lle deron a Barbantia forzas para seguir na súa loita. Primeiro Maralla, á que Serafín Marcos lanzou un reto: «Nunha ocasión, haberá xa dúas décadas, dixo que lle gustaría pintar as pedras do peirao que está aquí ao lado de diferentes cores e quizais sería un bo momento para facelo». Despois, os representantes da CRMH, Celia García e Andrés Lijó, que aproveitaron para defender o seu traballo: «Un pobo sen memoria é un pobo sen futuro e está condenado a repetir os erros do pasados». E, por último, a profesora e investigadora no eido da literatura infantil e xuvenil Blanca-Ana Roig, a través dunha carta que leu unha sobriña: «Barbantia é unha plataforma que mantén os ideais da súa fundación, os seus dirixente sodes formadores, divulgadores e sementadores de cultura».