Alejandra Sampedro: «Agora as rapazas pensan ¿por que non vou xogar ao fútbol?»

BARBANZA

MARCOS CREO

Logo dunha vida no Aguiño, exerce de capitá e referencia ofensiva

19 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

 Alejandra Sampedro, Alitas (Ribeira, 1989), leva unha vida atada ao deporte rei. Foi unha das pioneiras da súa xeración en enfundarse as botas en A Tasca. Logo dunha vida no Aguiño, exerce de capitá e referencia ofensiva. Sobre ela transcorre o caudal goleador do conxunto barbancés.

-¿Como valora a tempada?

-Imos ben. Contamos con moita xente nova que acaba de comezar e estase adaptando á perfección. Facemos o que podemos. A competición é moi irregular, hai moitos conxuntos que empezan e logo están os de arriba, máis experimentados. Non te podes fiar de ningún. A liga é complicada, pero penso que a fase de ascenso podémola xogar.

-O Chispa parece o gran candidato ao título. ¿Tan boas son?

-Sen dúbida. Non perderon un partido e creo que gañarán a liga. Non creo que caian en toda a tempada. Despois delas están o EFM Boiro e As Miúdas, que son as nosas máximas rivais.

-O fútbol feminino está despuntando na comarca.

-Vese moita melloría. O Carreira e o Unión, que se crearon fai moi pouco, avanzaron moitísimo. As rianxeiras xa forman un bloque sólido, dos que poden pelexar contra os de arriba. O Carreira, con rapazas mozas, fai tamén un gran traballo.

-¿Cal é o seguinte paso?

-Creo que o fútbol feminino nunca será como o masculino. É o mundo no que vivimos. Pero cada vez vese máis, na tele, no xornal. Aquí temos unha referente como Verónica Boquete. Antes iso non pasaba. Agora as rapazas pensan ¿por que non vou xogar ao fútbol? Hai moitos máis equipos que antes e iso é moi bo. Cando eu era nena éramos catro e agora todas se apuntan.

-É unha barreira derrubada.

-Si, incúlcase que o fútbol é para todos, sexan nenos ou nenas. Hai equipos na base solo de rapazas, e iso era algo inviable fai nada. Temos máis concienciación, os nenos axudan ás compañeiras, non as discriminan. Non ven raro que unha rapaza xogue mellor ca eles. Ante si pasaba.