O concelleiro de Deportes aposta por unha Sin-Son de primeiro nivel e cos mellores atletas
20 dic 2018 . Actualizado a las 09:46 h.Manel Deán afronta as últimas horas de incerteza antes de que comece a Sin-Son. Logo de sete anos de competición, a proba converteuse nun dos emblemas da vila. Os seus 10 quilómetros de percorrido enganchan a atletas chegados de tódolos puntos de Galicia. ¿Pode existir un reclamo mellor?
-Ao final chegaron ás 2.000 persoas na categoría sénior.
-Si, estamos moi contentos. Tivemos que pechar a inscrición horas antes. Vemos que a xente segue apostando pola Sin-Son.
-Falando con Pedro Nimo, aseguraba que ir máis aló desa cifra xa podería ser un problema.
-É por unha cuestión que acontece na zona de saída. En Portosín hai varias rúas estreitas e iso impide aumentar o número de participantes. Logo, na estrada, ou na chegada ao porto non hai problema, entrarían 5.000 persoas, pero en Portosín é máis complicado, porque crúzase xente e debemos ter coidado.
-Aínda así, están entre as probas con maior participación da zona. En Barbanza non hai comparación posible.
-Por agora superamos á de Negreira, que tamén atrae a moita xente e andamos preto da de Santiago, pero a moita distancia de Vigo-Baiona.
-¿Que supón a Sin-Son para vós?
-A carreira é clave para dinamizar o turismo de Porto do Son. Dende que a creamos fai sete anos a evolución foi exponencial, e iso é unha satisfacción.
-Entendo que buscan que os corredores volvan logo, sexa en verán ou en vacacións.
-Sí, ese é o obxectivo. Darnos a coñecer nunha fecha sinalada como é o Nadal. Foi unha idea que tivemos ao principio e, mentres vexamos que ten este apoio, manterémola.
-¿Por que o Nadal?
-Fai sete anos vimos que nestas fechas había poucas carreiras. O verán está colapsado e no inverno nesta zona apenas hai actividades. Decidimos facelo o domingo previo ao día de Nadal e acertamos de pleno.
-O hándicap de que caia unha boa treboada sempre está aí.
-En Galicia pode pasar calquera día do ano -sorrí-. Por agora non choveu nunca. Crucemos os dedos para que non sexa desta.
-Os días previos están o parte ao meteorolóxico.
-Cando vimos o temporal destes últimos días xa estivemos pensando que podíamos facer. Ao final parece que dá bastante calma para a fin de semana. Contra o tempo non se pode ir, non pode facerse nada.
-O ano pasado decidiron facer as probas base o sábado. Este ano repiten.
-No aspecto organizativo saca moito traballo do domingo e, o que é máis importante, dámoslle aos rapaces a importancia que teñen. Virán máis de 700 mozos e queremos facerlles unha carreira para eles, que se sintan protagonistas, que teñan a súa propia entrega de trofeos.
-A cita axúdalles tamén a promover os hábitos de vida saudables.
-É unha das metas que nos poñemos. Cando ían maiores e rapaces xuntos os pequenos perdían notoriedade. Queremos que se vexan correndo solos. Ademais, os atletas invitados serán os encargados de darlles as medallas, de sacarse fotos con eles.
-Daranse cita competidores de primeiro nivel. ¿Quen cres que ten máis posibilidades de gañar a carreira?
-Os gañadores dos últimos anos estarán. Alejandro Fernández parece que está en boa forma, ao igual que Nuno Costa. Esther Navarrete, que gañou o ano pasado, tamén virá, así como Joselyn Brea e Edymar Brea. Varios deportistas estarán entre os 30 e os 31 minutos, polo que a pelexa será moi grande.
-¿Algún desexo para esta fin de semana?
-O único, que os veciños saian ás rúas como nos últimos anos. Ao longo da carreira, aos participantes gústalles sentir o apoio e os ánimos da xente. Queremos que a xente veña a gozar de Porto do Son, da Feira do Corredor e das charlas cos atletas.