Esther F. Carrodeguas: Unha imparable todoterreo do teatro

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Arranca o ano con cinco proxectos en marcha e cos ollos postos no salto ao cine

09 feb 2019 . Actualizado a las 12:01 h.

O seu nome empezou a soar con forza en Barbanza hai oito anos, cando substituíu a Xesús Santos á fronte da mítica compañía Airiños, pero desde aquela ata agora Esther F. Carrodeguas logrou forxarse un sólido camiño no mundo do teatro galego. Pode considerarse unha todoterreo, xa que tanto escribe obras como se pon no papel dos máis diversos personaxes, ao tempo que asume a responsabilidade de dirixir espectáculos ou se converte en produtora, a través da súa propia compañía, ButacaZero. A rianxeira atravesa, neste arranque do 2019, un doce momento, con cinco proxectos en marcha e os ollos postos na gran pantalla.

Na apertada axenda de Esther Carrodeguas figura, como cita máis próxima, a función que mañá a traerá de volta á casa. Representará en Rianxo, con ButacaZero, #Camiños, unha obra escrita por ela mesma e na que tamén actúa: «É unha reflexión sobre Galicia e sobre a galeguidade, que parte das aldeas abandonadas e afonda nos motivos que provocan ese éxodo. Sempre en clave de comedia, a reflexión trasládase ao teatro, ás dificultades que hai para mover espectáculos grandes». Da dirección da peza encárgase Xavier Castiñeira.

Esa galeguidade, aínda que abordada desde outra perspectiva, tamén é o eixe do texto que o Centro Dramático Galego vén de elixir para a súa nova produción, xunto cunha segunda peza asinada por Roi Vidal Ponte. Titúlase Neorretranca e posmorriña e vai ser estreada o 11 de abril: «#Camiños foi como tratar de descubrir o que ocorre cando se reflexiona sobre a identidade, os motivos que nos levan a ser tan migrantes e a considerarnos menos que os demais. Partindo diso, volvín ao tema no texto Fantasía nº 5 en sol ou non para amosar as dúas caras da moeda, a terra e o mar, a chuvia e o sol, a dualidade de Galicia».

A cara romántica

Esther Carrodeguas, que xa no pasado se atreveu cunha orixinal versión de Romeo e Xulieta para Airiños, estreará o 5 de abril coa compañía Deste Xeito, desde a súa faceta de escritora e directora, Running, que tamén ten vinculación coa obra de Shakespeare: «É coma unha versión moderna da historia sobre un home e unha muller que non se dan encontrado pola frenética vida propia da sociedade actual, con traballo, fillos, actividades...».

E o 3 de maio arrancará outro dos proxectos que ten atarefada a Esther Carrodeguas. ButacaZero levará a escena Despois das ondas, a obra coa que Ernesto Is gañou o Premio Rafael Dieste no 2017. Asegura que levará a Rianxo este espectáculo, no que ocupa un segundo plano: «Coa miña produtora quero darlle unha oportunidade a outras persoas, como no seu día fixeron comigo, favorecer outros proxectos».

Destaca que a montaxe, cuxa dirección recae en Xavier Castiñeira, levará o selo de ButacaZero, que se caracteriza pola mestura do teatro co audiovisual: «Vai ser coma un filme, pero gravado en directo no teatro, no que se conta a historia de María Casares. É un xénero que en Galicia aínda non está moi desenvolvido».

Como non podía ser doutro xeito, Airiños tamén está presente na axenda da dramaturga de Rianxo. A mítica compañía está preparando nova función e ameaza con sorprender ao público: «Atrevémonos con Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure. É un cambio de rexistro total, porque non vai haber tanta comedia coma en ocasións anteriores».

Aínda que, como se pode ver, é unha todoterreo no eido escénico, Carrodeguas ten clara a súa predilección: «Se me teño que considerar algo é escritora, é ao que sempre volvo e non podería aparcalo nunca. Podo vivir tranquilamente sen ser produtora, sen chamadas, sen xestións, sen compras... pero sen plasmar o que me pasa pola cabeza, non. Actuar e dirixir son bos complementos». E neste eido da escrita agóchase o soño aínda por cumprir da rianxeira: «Gustaríame dar o salto e escribir o guión dunha película». Podería ser un obxectivo cumprido en breve, xa que desvela que ten un proxecto entre as mans.