Feminazis

Alba París CORREO DAS AULAS

BARBANZA

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe en día, moitos homes din que todo nos molesta, que somos unhas esaxeradas e que toda a vida foi así. Están fartos de ler o mesmo todos os días nas redes sociais ou de escoitalo na televisión, sen decatarse de que nós tamén o estamos, pero de vivilo. Estamos fartas de ter que avisar as nosas nais de que non estamos borrachas no medio da festa, de que seguimos as rapazas xuntas sen irnos con ninguén e de que volvemos cun amigo da infancia. Nós tamén estamos fartas de aparecer nunha bolsa do lixo, nun colector ou na casa do noso ex; de taparnos de pés a cabeza, senón provocamos; de non poder camiñar soas de noite, senón buscámolo; de ser consideradas un obxecto sexual ou propiedade dun home; de cobrar menos que o sexo oposto... De verdade: desculpade as molestias pero é que nos están matando e non imos calar, vamos loitar polo que queremos e polo que merecemos.

 

É espertar e mirar o móbil ou acender a televisión para saber doutro femicidio, violación ou situación de violencia de xénero. Só nós coñecemos esa sensación que che dá a volta ao estómago, o nó na gorxa cada vez que se nos vai unha máis. E que fai a sociedade? Dicir que iamos provocando, que estabamos borrachas ou drogadas, que marchamos co mozo ou andabamos soas pola rúa. Indígnanse e argumentan que non todos os homes son iguais e que hai mulleres violentas ensinando os senos nas manifestacións. Esas que dan vergoña e queiman cousas. Non son civilizadas. Eu, pola contra, douvos as grazas. Porque teño a certeza de que se algún día me toca a min, mobilizaredes toda unha manada pedindo xustiza cando me violen e gritaredes o meu nome cando xa non teña voz. Se a xustiza non os condena, farémolo nós.

Facémolo por Lucía Pérez, Diana Quer, Dolores Vargas, Patricia Zurita, Jénnifer Hernández e a infinita lista de femicidios. Por iso, e por non ser a seguinte noticia no xornal, por non ser a seguinte cara nas marchas feministas e sobre todo para rematar co medo que temos.

Alba París. Alumna do IES Fontexería de Muros.

Esta sección é para que os estudantes opinen. Poden enviar os textos a redac.barbanza@lavoz.es