Un dos amigos con quen comparto parladoiro chegou este xoves todo compunxido. Foi facer unhas análises rutineiras e saíulle o indicativo da próstata no límite. Andou toda a semana buscando en Internet e témolo coa moral polo chan, convencido de que o máis leve que lle agarda é a amputación das súas partes virís. E como hai uns días nos tocou falar do placebo, Xulio aproveitou para profundar no seu antónimo por natureza: o efecto antipalacebo, pois se o outro é un absurdo da menciña, a pesar do moito alivio que pode aportar, estoutro ademais de absurdo é nocivo. Aquel é inocuo e estoutro pernicioso.
Tan malvado coma esas páxinas que todo o saben, nada solucionan e nos poñen de mal xorne, é un curandeiro irresponsable e digno de ser denunciado, de quen nos falou outro dos amigos do parladoiro, quen acaba de pasar por un proceso canceríxeno e procurou naquel algo de alivio. O tipo recibiuno na súa consulta expoñendo un amplo currículo de curacións milagrosas baseadas nunha simple dieta que calquera con dous dedos de fronte recoñece inadecuada, e alardeando de ter sacado do pozo da amargura a moitos doentes a quen os médicos desafiuzaran.
Presume este de terse levantado el mesmo da mesa de operacións por inspiración, non sei se divina ou endemoñada, e curou todos os seus males sen pastillas nin bisturí, só cunha alimentación exclusiva a base de froita da súa horta, porque segundo el é a fonte de toda a enerxía da vida; asegurando, con asombrosa prepotencia, que os médicos aínda teñen moito que aprender e esas cousas que el sabe tampouco se ensinan nas facultades. Logo, tras contarlle todos eses fantásticos prodixios e explicarlle os principios básicos da súa ciencia, mandoulle sacar a lingua, palpoulle a cicatriz, miroulle o branco dos ollos e concluíu que a cousa non pintaba ben se seguía co tratamento prescrito polo oncólogo. Non hai cousa máis perigosa ca outorgarse títulos que non se teñen.
Claro está que o meu amigo non seguiu tan arriscados consellos, pero na sala de espera do paisano quedaban tres ou catro parellas agardando a súa vez para curar o que non cura a medicina; porque a inquietude, o desalento ou a falta de perspectivas diante de grandes e graves problemas abócanos a afrontar todo tipo de riscos e é dos desesperados e desafiuzados de quen se aproveitan estes malfeitores.
O antiplacebo, ó contrario co placebo, ten como única virtude a de crear enfermidades, unhas veces por fiarse de quen non debemos e outras por imaxinarnos o que non temos. Pero que tire a primeira pedra quen non usou da consulta vía Internet ou non foi a un curandeiro para evitar a lista de espera.
Entrar en calquera buscador e pulsar un síntoma para que nos saia un tipo recomendando unha limpeza de vías renais a base de espárragos, é moito máis común do que se pensa. Tamén, ben certo é que os leigos na terminoloxía médica podemos confundir unha resaca cun tumor cerebral e pedir unha trepanación cando todo se solucionaría cun café negro. Á fin nada disto é novo nin culpa de Internet, pois trinta anos atrás, cando aínda ninguén soñaba coas consultas gratuítas vía informática sen certificación de boa praxe, en todos os fogares tiñamos o libro El médico en casa, por medio do cal cada consulta acababa por contaxiarche máis doenzas das que pensabas, e entón si que estabas mal e necesitabas ir ó médico, pero ó médico de verdade.