Agardemos que o de mandar unha muller á Lúa non sexa un acto máis para encher o escaparate, coma se a mandasen a pasear por unha pasarela lucindo garbo e figura. Temos dereito a desconfiar vindo de quen vén a proposta. E o primeiro receo éntranos cando todo o esforzo do anuncio é que vai ser unha muller e non que vai aportar á ciencia tal viaxe. Esa xa é a primeira discriminación por razón de sexo que lle vemos.
A segunda desconfianza témola cando sabemos que o diñeiro ofrecido para a aventura, algo así como catro veces o presuposto anual dunha cidade como A Coruña, tampouco é suficiente, a dicir dos entendidos, que falan de varios miles de millóns máis para que o proxecto se poida asegurar en tempo e forma; e o outro reparo vén de que para xuntar a pasta van limitar as becas dos estudantes (en masculino e feminino), precisamente de quen menos posibilidades económicas ten para acceder ás elitistas universidades do primeiro país do mundo. E todo para financiar unha aluaxe que coincide co ano electoral e coa patrioteira (que non patriota) idea de levantar ese orgulloso espírito máis propio da Guerra Fría; algo que ata o administrador da axencia espacial americana saúda como un ben para ilusionar ás rapazas do imperio, demostrando que ese administrador debe pensar que a NASA é algo así como unha axencia de manequíns. E para máis sae a noticia en plena guerra comercial, con efectos globais, disposta a encarecer desde a roupa deportiva ata os aparellos electrónicos máis elementais (de deseño americano e fabricación asiática), incluída a entrada en funcionamento da telefonía 5G que si é unha mellora social, aínda que non tan de primeira páxina como unha estilizada moza lucindo escafandro espacial; mentres a opinión pública americana (un 65%) se pregunta se non sería mellor que a NASA empregase todo ese esforzo en loitar contra o cambio climático, amparados en certa lóxica que para o señor Trump é tabú, a de amañar o tellado da casa antes de gastar os cartos en paseos exóticos.
E a todo isto aínda non saben que tipo de propulsor van usar, como vai ser o módulo lunar, como farán para o retorno á nave e tantas outras cousas que, ou ben quedan nas mans da improvisación ou en repetir o que xa se fixo hai agora cincuenta anos. En resumidas, que polo que a letra pequena non di semella que queren ir á Lúa para sacar un selfie.
Si saben que en oposición ó Apolo, misión que tomara o nome do deus solar para manternos fronte á televisión ata as catro da mañá, esta chamarase coma a súa irmá xemelga, Artemisa, unha deusa macholo protectora dos cazadores e enfeitada ó estilo grego con arco e frechas, porque daquela non había fusís nin escopetas; pero tamén unha verdadeira bruxa (precursora dos aquelarres) que, cando a cabreaban, estendía as pestes entre o gando disparando frechas de odio. Non sería mellor Atenea?
É o malo de presentar estas viaxes como escenarios de alfombra vermella e non como un campo de experimentos multidisciplinar grazas ó que hoxe temos unha serie de produtos que van desde os cueiros ata a electrónica dixital. E sen embargo, este gobernante afanado en poñer ós seus de primeiros, tal vez non saiba que antes de que un americano pisase a Lúa xa houbo unha muller rusa que fixo unha viaxe espacial, e tras ela moitas máis (incluída unha hispana), sen quen ninguén as considerase un adorno disfrazado de igualdade.