Reformador irreprimible

Francisco Ant. Vidal
francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

MATALOBOS

07 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que algún día lemos o Siddharta de Hermann Hesse ou simplemente eramos seareiros da serie Kung Fu gardamos unha certa simpatía polas relixións orientais. Só moi recentemente nos preguntamos se a vida conventual deses monxes é tan decorosa como nola presentan, se nese illamento en que viven non existen os odios, as envexas e os abusos que se dan noutras comunidades. E agora, para sorpresa de todos, o seu máximo líder espiritual, o Dalai Lama, dinos cun sorrisiño como de quen non quere a cousa, que só o poderá substituír unha muller se é guapa, porque doutro xeito non mirarían para ela. O cal vén a confirmarnos o que tantas veces nos dixo o amigo Xulio, que ninguén é tan bo que non teña algún defecto nin tan malo que non teña algo de bondade. Pero hai defectos que non teñen cabida aínda baixo as expresións máis inocentes. E frases como esa do Dalai cobran unha especial significación cando quen as di é unha persoa de cuxa conduta deben tomar exemplo todos os seus fieis ou seguidores. En persoas coma el esas bromiñas non teñen graza.

Estes días tamén soubemos que a Asociación de Bibliotecas Americanas acaba de retirarlle o nome do seu fundador á medalla que cada ano se lle outorga ós máis relevantes bibliotecarios de Estados Unidos, dada a conduta pouco ou nada ética de tal señor.

Melvi Dewey, inventor do sistema de clasificación decimal que aínda se usa hoxe en día, director entre outras institucións da biblioteca de Nova York ou da universidade de Columbia, foi considerado un dos prohomes da sociedade americana, a pesares de que en máis dunha ocasión amosou unha conduta racista e misóxina; e aínda que os libros se referían a el coma un xenio que aportaba o mellor de si á sociedade, unha boa parte desa sociedade non o tiña por tal. Por exemplo, cando creou o club Lake Placid, en Nova York, onde se combinaban o deporte e a educación accesible a todos, pero impedía a entrada ós xudeus. Sabíase isto e moitas cousas máis que moi poucos se atrevían a denunciar e só se criticaban coa lingua pequena, por ser el quen era, pero tras a publicación da súa biografía, hai algo máis de vinte anos, baixo o esclarecedor título Reformador irreprimible, aportáronse os datos da irregular conduta.

Xa en vida foi acusado polas mulleres que traballaban ás súas ordes de acoso sexual, pero pasábase por alto e desculpábase, baixo o prisma machista imperante, á fin el era un home e elas unhas provocadoras. No 1904 chegouse a facer unha petición para que fose apartado da dirección da biblioteca de Nova York dado o seu declarado antisemitismo, ata que el mesmo decidiu dimitir para non pasar a vergoña dunha expulsión. E dado que o tempo todo o cura, esqueceuse o asunto e volveu ó seu posto, pero non perdeu as mañas depredadoras, misóxinas e xenófobas, e seguiu acosando ás súas subordinadas e colaboradoras, ata que en 1930, con case oitenta anos, tivo que pagarlle a unha das empregadas dous mil dólares para liberarse dun xuízo que o condenaría a algo máis que unha multa.

Tras a súa morte en 1931, cando se tocaba o tema da súa conduta sempre había quen o desculpaba co de que non había propósito maligno ou que eran outros tempos, como se a moral dependese do ano, algo que, como vimos de saber, non era a opinión daquelas que sufrían o seu abuso e non sempre o podían denunciar.