Amantia Coello: «O de Airiños é un teatro feito polo pobo e para o pobo, e iso é brutal»
BARBANZA
Asume con ilusión o reto de relevar a Esther Carrodeugas á fronte da compañía máis antiga de Galicia
06 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Con 86 anos de traxectoria sobre os escenarios, Airiños é a compañía de teatro máis antiga de Galicia. Esta formación afeccionada con sede en Asados (Rianxo) está de estrea por partida dobre. Sobre as táboas xa empezou a representar a súa nova montaxe, unha obra baseada no texto de Teresa Moure Unha primavera para Aldara e, entre bambolinas sitúase por vez primeira Amantia Coello, que vén de relevar a Esther Carrodeguas como directora. A nova líder desta histórica agrupación non agocha os nervios, pero tampouco a ilusión por este novo reto que afronta.
-Naceu en Ourense e despois de residir en Lugo, Santiago e algunha que outra cidade europea desembarcou en Rianxo e en Airiños, como foi iso?
-Eu estiven traballando con Esther Carrodeugas en Teatro da Falúa e foi da súa boca como coñecín a historia de Airiños. Hai pouco máis dun ano, cando se organizou a gala polos 85 anos da compañía, empecei a axudala e xa me involucrei ao máximo.
-Que foi o que máis lle sorprendeu da historia da compañía teatral de Asados?
-Pois moitas cousas. Para empezar, o que fixo polo teatro durante os períodos máis escuros e difíciles do país. Pero, sobre todo, o emprego do galego e a actuación das mulleres a pesares da represión da época. O de Airiños é un teatro feito polo pobo e para o pobo, e iso é brutal. Eu son psicóloga social e teño formación en pedagoxía, polo que todo isto da autoxestión dunha comunidade de veciños que se esforzan para defender unha iniciativa deste tipo marabíllame.
-Supón un reto grande asumir a dirección do grupo?
-E tanto que si. Primeiro, porque é unha compañía que supera en máis de 55 anos a miña idade e segundo, porque veño de fóra. Tiven que esforzarme para coller a súa esencia, para buscar o equilibrio e para contentar aos actores. Con eles penso que comparto unha visión de base a nivel de valores e iso é importante.
-Que valoración fai desta primeira tempada de traballo?
-Marabillosa, porque traballar cun grupo interxeracional aporta unha gran riqueza. Logo está o emprego do galego, o valor que ten defender a nosa lingua. Esa idea social de teatro por e para o pobo tamén me parece importante. E logo, marabíllame o emprego que Airiños fai do teatro para reivindicar, para expresar as súas ideas. Son uns guerreiros.
-Como foi o proceso de elección da nova obra?
-Foi unha elección democrática, entre todos os membros de Airiños, porque entendía que tiñamos que traballar nunha montaxe que nos apetecera a todos. Unha primavera para Aldara é unha obra densa, pero gustounos moito a idea e saíu elixida por aclamación popular. Influíu o feito de que fora unha historia de mulleres, contada por unha muller, galega e viva. Gustábanos a idea que transmitía o texto, aínda que a dramaturxia de Teresa Moure é complexa, polo que o reto foi o proceso de adaptación.
-E cal foi o resultado?
-Como é un texto que se representou moi poucas veces, penso que só por Teatro do Atlántico e un par de agrupacións afeccionadas, consideramos que había que conservalo, aínda que foi preciso acurtalo, pois é unha obra demasiado longa. Finalmente conseguimos unha función que dura unha hora e media, e que mantén a esencia da historia de Aldara, que se desenvolve nun convento do século XV, en plena revolta irmandiña. Penso que conseguimos unha obra que é bastante fiel ao texto.
Está disposta a manter a esencia de Airiños, unha compañía na que espera botar unha longa tempada. De feito, Amantia Coello xa pensa no futuro a medio e longo prazo.
-Abandona Airiños con este texto de Teresa Moure o estilo humorístico que vén caracterizando os seus espectáculos?
-Realmente estamos diante dunha traxicomedia. Non é unha comedia de escachar, pero hai partes que dan lugar á ledicia, ao feito cotiá. Un dos meus grandes esforzos foi precisamente o de non transmitir tristura, aínda que obviamente o que se narra non é unha festa, pero tratamos de agarrarnos ao positivo.
-E agora, despois da estrea en Rianxo, cal é a folla de ruta?
-Esta obra requiriu moito traballo por parte dos actores, tanto á hora de aprender o texto como de compaxinarse, pois son moitos en escena, dez. Por iso a idea é dedicar todo o ano que vén a movela. Incluso gravaremos un vídeo para a promoción e trataremos de ir a festivais e certames por toda Galicia. Considero que é unha obra que ten que ser vista.
-A que escenario lle gustaría chegar con Airiños?
-Téñolle moitas gañas á mostra de teatro afeccionado de Zas, pero tamén lle teño moito cariño a Lugo e Ourense. Por ir, estaremos alí onde nos chamen.
-Vese ligada á compañía a longo prazo?
-Ata que me queiran. Estou moi contenta porque tamén levo a escola de Airiños, que é a canteira da compañía, son rapaces que empezan a tomar contacto co teatro.
-Ten algún gran proxecto entre mans para acometer?
-Teño varias ideas na cabeza e gustaríame levar a cabo un gran proxecto colectivo, que involucre máis ao pobo, pero pouco a pouco. Se desvelo todos os plans perderase a maxia.