Forma parte do equipo que escaña a tumba do visir Amen-Hotep Huy
29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Toda persoa levamos dentro unha exploradora ou un detective, e temos soñado con descubrir algún que outro tesouro; e seguramente paseamos pola civilización exipcia da man de Sinuhé, nas páxinas de Naguib Mahfouz, ou de Christian Jacq. Lemos a historia de especialistas como Jacques Pirenne ou Ian Shaw, e gozamos das maxestosas obras de arte nas enciclopedias, na rede e en documentais que tentan descifrar os coñecementos matemáticos e a avanzada enxeñería que fixeron posible a construción das colosais pirámides. A nosa convidada de hoxe vive esa aventura in situ. Isolina Lorenzo está a realizar o seu soño: o de investigar e contribuír a un mellor coñecemento desa enigmática civilización que é a do Exipto faraónico.
?Que te levou a ser arqueóloga?
-A arqueoloxía e a historia chamáronme moito a atención desde pequena. Lembro a lectura dun artigo sobre Tutankamón e a súa tumba no XL Semanal con 8 ou 9 anos, e pensei que aquilo tiña que ser moi grande... que me gustaría ir alí velo. No instituto tamén tiven un profesor de historia que a explicaba moi ben, e a curiosidade levoume á facultade de Historia.
?Onde iniciaches as escavacións, e que atopaches que te emocionase?
-Nos castros de Neixón durante varias campañas, e logo na serra do Barbanza, con ese mesmo equipo do Centro Arqueolóxico de Neixón e da U.S.C. Logo, en toda escavación destruímos parte do que imos encontrando, polo que deberiamos emocionarnos por cada peza, resto ou estrutura atopada, que nos leva a unha época da historia que non vivimos e pode que sexamos os primeiros en tocar desde hai miles de anos. Gardo especial recordo dunha asa de xerra e dun aryballos fenicio (parte dun perfumario) nos castros de Neixón, así como de restos de cerámica e estruturas na serra do Barbanza.
?Cando che chegou a oportunidade de ires a Exipto?
-Despois de varias tempadas no Barbanza vin unha convocatoria nas redes sociais para unha campaña en Exipto. Mandei o CV, e dous días despois pasaba a entrevista, da que saía admitida. O traballo era en Luxor, no Val dos Nobres.
?Cal é o proxecto co que estás alá, actualmente?
-Empecei en Luxor hai catro anos co Instituto de Estudios del Antiguo Egipto (IEAE), no proxecto Visir Amen-Hotep Huy, no cal seguimos hoxe en día, sendo xa a deste ano a undécima campaña no mesmo. O IEAE é unha entidade madrileña, sen ánimo de lucro, avalada pola Universidade de Málaga, onde imparten a asignatura de Exiptoloxía dentro do Máster de Patrimonio Histórico e Literario da Antigüidade. Este proxecto céntrase na escavación da tumba inacabada deste visir situada na zona de Asasif, no Val dos Nobres, a carón do templo do faraón Hatsepsut. Escavamos tamén outras tumbas que se crearon ao redor da do mesmo visir en épocas posteriores, nas que atopamos moito material: enxoval funerario, momias, cerámicas, restos de pergamiños, deuses, colares, etc.
?Dime, cal é a importancia real desta escavación en concreto?
-O monumento no que traballa o equipo do IEAE, baixo a dirección do doutor Francisco Martín Valentín e da doctora Teresa Bedman, ten grande importancia arqueolóxica, artística e histórica por ser do mesmo período da tumba tebana número 192 de Jeruef Senaa, e pertence, coma esta, ao reinado de Amen-Hotep III (Imperio Novo, cara a 1360-1353 a. C) e, máis concretamente, ao lapso de tempo transcorrido entre os anos 28 e 36 de dito soberano, que constitúe un dos momentos máis axitados e interesantes do Imperio Novo Exipcio.
-Que che gustaría aínda encontrar?
-Achamos xa momias e restos de tecidos con xeroglíficos na tumba do visir. Esperamos acabar de reconstruír as columnas da tumba de Amen-Hotep Huy, onde se cita a co-rexencia entre o faraón Amen-Hotep III e o seu fillo, o faraón Amen-Hotep IV, que anos despois sería coñecido como Aj-en-aton, ou o faraón do único deus Atón. Unhas inscricións que atopamos no 2013, agora restauradas, dan un contexto histórico e unhas datas que cambian a cronoloxía do período. Tamén hai probas de ADN e outras evidencias, que nos permiten afirmar que o pai de Tutankamón non foi Aj-en-aton, senón Amen-Hotep III. Pero gustaríame que as escavacións nos achegaran máis datos sobre este turbulento período, con monumentos inacabados e destrucións pola acción dos adeptos da nova relixión atoniana, restos que máis tarde serían obxecto dunha nova destrución selectiva, en época dos reis da XIX dinastía. O período de cinco ou seis anos durante os que o faraón Amen-Hotep IV (Aj-en-Aton) tivo a súa residencia en Tebas, antes de trasladarse a Amarna para fundar a nova cidade, segue na máis completa escuridade.
Sir Howard Carter descubriu aquel día de novembro de 1922 a sepultura de Tutankamón (única tumba real que non fora expoliada), deixando ao mundo abraiado coa súa riqueza, e que aínda non era todo o tesouro. Aquilo non fixo máis que aumentar a paixón mundial pola arqueoloxía e, especialmente, pola exiptoloxía, que inda nos garda tantos misterios.
ILUSTRACIÓN ABRALDES