Vén de gañar o certame musical da Deputación coa canción «A quen lle importa»
11 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Isma Kalo é o nome artístico de Laura Marín, unha rapaza de Baroña que é unha apaixonada da música balcánica. A quen lle importa? é a súa primeira composición en galego e con ela vén de gañar o concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña.
-A quen ía dirixido o tema gañador do certame?
-É case unha canción autobiográfica. Fala da miña vida. Penso que nos centramos en cousas que realmente non teñen importancia, como o noso aspecto ou no que a xente pensa de nós.
-Co seu nome artístico xoga a propósito coa ambigüidade?
-Son unha persoa moi andróxina. Ata hai nada, a xente preguntábame se era un rapaz ou unha rapaza. E a quen lle importa, se todos os rapaces somos iguais.
-«A quen lle importa o teu xénero, a túa identidade», canta.
-É que nunca me rexín polos estándares do que é un home ou unha muller. Sempre fun unha persoa diversa.
-Tamén no musical?
-Si, claro. Para que quedarme unicamente co rock ou coa música do Balcáns cando podo telo todo?
-De onde lle vén o seu interese pola cultura balcánica?
-Descubrín o idioma serbocroata cando era moi rapaza, cun programa que se chamaba El oso de la casa azul. Eu tiña 9 anos. Agora estudo serbocroata para poder interpretar a música balcánica.
-Sería a raíña da clase...
-Sempre me sentín un pouco así, porque con 6 anos o meu grupo favorito era Simply Red. Tamén me gustaban Mecano ou Phil Collins. Pero nunca sentín que fose algo malo ter gustos únicos. Empecei a percibir iso logo.
-O dos Balcáns non creo que poida compartilo con moita xente, desde logo.
-Seino. Á miña nai fálolle todo o tempo dos Balcáns. A pobre escóitame porque é a miña nai, pero non entende nada. [Ri]
-No teatro Colón cantou: «Que si teño gustos raros / Non teño nin idea de política / Non sei o que me pasa nin o que me ten que pasar». Farta de etiquetas?
-Interésame moito a política, a de aquí e a de alá, a antiga Iugoslavia, o conflito de Kosovo... É un tema moi importante, gústame analizala, pero intento buscar fontes e vexo que é todo moi confuso. Dáme rabia ter 15 anos, estou a punto de poder votar e non me sinto totalmente informada.
-Aínda así, ten bastantes cousas claras para a súa idade.
-Con Internet, quen non sabe algo é porque non quere. Cando non estou coas matemáticas, estudo serbocroata ou vexo un documental.
-Pois na canción fala dun suspenso en Bioloxía...
-Foi en matemáticas, pero non quedaba ben na letra [ri]. Este trimestre si que as saquei!
-Por que se presentou ao concurso da Deputación?
-Lendo a biografía dun dos meus cantantes favoritos de Macedonia vin que con 15 anos participou nun concurso de música, gañou e a súa carreira disparouse.
-Que plans ten agora?
-Quero estudar filoloxía eslava e buscar unha oportunidade en Serbia ou por alá.
-Dicía na canción que ten morriña do mar, cal é o seu?
-Aínda que nacín na Coruña, eu son de Baroña. Co mar sempre tiven unha atracción especial. Vivín en diferentes casas, pero o mar sempre estaba alí.