Fidelidade

Francisco Antonio Vidal

BARBANZA

matalobos

18 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Lingua proletaria francisco ant. vidal

Desde a fiestra da cociña vexo un par de rulas que cada mañá, mentres almorzo, fican acurrunchadiñas mirando ó mar, e dado que a vida media destas aves é de seis anos, supoño que as de hoxe xa deben ser fillas e netas doutras que coñecín no pasado, sempre na mesma postura, unha a carón da outra e deixándose peitear a plumaxe polo vento mareiro. Unha fidelidade amorosa transmitida xeneticamente que xa foi cantada polos trobadores e xograres medievais con poemas cuxa estela chegou ata os poetas modernos, fixándose sempre nese amor inalterado, nesa paz e concordia que amosan sen grandes alborotos nin desenfreos, sen celos nin promesas innecesarias.

Tampouco se trata de que a fidelidade sexa unha imposición como a daquela fiel ruliña viúva da cantiga: A rula que enviuvou xurou de non ser casada/nin pousar en ramo verde nin beber de auga clara. Gardar memoria do ser querido non implica un retiro de por vida.

Claro que a lealdade non sempre é posible, e o exemplo desa parelliña de rulas dándose aloumiños contradise baixo as mesmas tellas do cume onde pousan, e baixo o cal mora un matrimonio en proceso de separación a pesar de terse prometido lealdade eterna diante dun altar hai menos de cinco anos, concordando coas estatísticas que dan un 40 % de divorcios dentro do primeiro quinquenio. E a Igrexa, amosando a súa alta experiencia e coñecemento en amor e desamor por vía de confesionario, culpa de todo a non seguir as súas experimentadas normas de conduta, recomendando non botarse como lambuzas a tomar o pastel antes da sobremesa do banquete de vodas, apúrase demasiado a legalizar o coito sen prever nin ensinar a adaptarse ó cambio das marcas do tempo na figura amada. Indiscutiblemente, a fidelidade non se aprende nun curso prematrimonial de vinte horas nin nunha carreira con cincocentos créditos de vetusta facultade, como eles pretenden. Tampouco vai enxertada nos xenes.

A falta de fidelidade xustifícase acotío con iso de que os gustos cambian, cando a realidade é que non se adaptan, que se perde a empatía e a simpatía co paso dos anos por mor de trocos e variacións dalgunha desas catro dimensión que nos distinguen: largo, ancho, alto e o tempo que todo o modifica. Xa nos previñan os clásicos co mito de Pigmalión namorado dunha estatua, porque amaba a beleza moito máis que á persoa.

Peor é aínda cando se confunde o amor e a fidelidade coa posesión disfrazada polos machos alfa co clásico de que a donna è mobile para non recoñecer que o uomo é moi posesivo. Xa hai tempo que aquilo de «Matala porque era miña», deixou de ser chiste para converterse en pecado mortal. Xa o foi sempre, pero ese afán de converter á muller nun obxecto máis, como se fose un limoeiro para dar sombra, suxeito ós caprichos de uso e abuso do seu posuidor é un anacronismo a erradicar. Hoxe a ninguén se lle ocorrerá cantar o de «no te pongas la minifalda» ou esa copliña que andou na boca de todos: «Ai, se eu te pego». Cancións que poden facer graza, pero non evitan a tráxica cifra de máis de medio cento de mulleres asasinadas no pasado ano, precisamente por ser consideradas unha posesión máis sobre as que se pode exercer o dereito de vida ou morte como se exerce sobre unha cascuda.