María Xesús Blanco: A creadora da Pipi Calzaslongas galega

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

O seu personaxe chámase Rosalía, pero tamén é unha nena forte, valente e entusiasta

12 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña escrito relatos sobre diferentes temas, algúns deles publicados no blog Café Barbantia, e tamén poemas, pero cando hai un par de anos se enfrontou a unha pantalla en branco, María Xesús Blanco viu con claridade a idea que quería plasmar. Ansiaba situar a unha nena como protagonista, unha rapaza forte, valente e entusiasta. Lera moita literatura infantil e quedara namorada de Astrid Lindgren, a creadora de Pipi Calzaslongas, e tamén lle deixaran unha fonda pegada outros personaxes como Matilda e Ana das Tellas Verdes. Unha visita coa súa familia á casa da escritora do Sar por excelencia redondeou o seu proxecto literario, bautizado como O caderno de Rosalía.

Aínda que a autora de Follas novas contribuíu a poñerlle nome á protagonista do primeiro libro de María Xesús Blanco, ela advirte que a súa Rosalía é unha nena do século XXI: «Na historia faise referencia á escritora e incluso hai unha visita á súa casa de Padrón, pero é só unha anécdota dentro do libro. Esta obra non ten nada que ver con Rosalía de Castro nin coa época na que ela viviu». Elixiu o nome porque pensa que transmite personalidade e fortaleza.

Evidentemente, a autora non quere desvelar o contido do libro, consciente de que teñen que ser os lectores os que se mergullen nas súas páxinas para descubrilo, pero si comenta que o argumento xira ao redor dunha nena que vai plasmando no seu caderno todo aquilo que lle acontece e tamén o día a día da xente que a rodea. «Algunhas destas vivencias son divertidas, pero outras non o son tanto, porque vai reflectindo a visión do mundo que a rodea», explica.

A Rosalía creada por María Xesús Blanco ten 11 anos e son polo tanto os nenos desa franxa de idade aos que vai dirixida a lectura, aínda que a escritora aspira tamén a enganchar aos adultos. Aos cativos busca transmitirlles forza, entusiasmo e espírito de superación; mentres que aos maiores quere amosarlles a visión que poden ter os nenos da realidade. Aclara que existe un fío condutor entre os 14 capítulos nos que está dividido o libro, aínda que non pode desvelar cal é.

Dobre visión

Como muller traballadora que é, María Xesús Blanco non pode dedicarlle á súa paixón pola escrita todo o tempo que quixera, pero a esta desvantaxe tamén lle sacou partido para lograr mergullarse no pensamento dunha nena desde dúas frontes: a de nai e a de mestra. Aínda así, e tendo en conta que a historia está ambientada na comarca, ela admite que é ficción pura.

Darlle forma ao texto custoulle pouco e superar o gran obstáculos dos escritores, atopar unha plataforma de lanzamento, tampouco a fixo sufrir moito. Francisco Castro, director de Galaxia, brindouse a apostar pola primeira obra desta melidense que reside desde hai máis de dúas décadas en Ribeira: «Leveime unha alegría enorme o verán pasado cando me deu a noticia».

Recoñece que esta aposta de Galaxia polo seu Caderno de Rosalía a empuxa a seguir escribindo, ao que tamén contribúe o estreito vínculo que ten coa asociación Barbantia: «Coñecer a xente deste mundo, como Manuel Cartea, tamén me anima a seguir loitando para buscar máis tempo que dedicarlle á lectura e á escrita».

Escribe practicamente a diario, polo que María Xesús Blanco ten no ordenador varias historias que están só pendentes dese pulido definitivo, un proceso que non é tan sinxelo como poida parecer: «Escribir historias non me resulta difícil, o complicado é despois profundar na linguaxe e comprobar que todo é coherente. Ao fin e ao cabo, eu son unha aprendiz neste eido». Semella que desta pluma barbancesa poden saír á luz nun prazo curto de tempo novos textos, tanto para nenos como para adultos.

A autora. María Xesús Blanco naceu en Melide, pero reside desde hai máis de dúas décadas en Ribeira. É mestra no CEIP de Olveira.

O libro. O cardeno de Rosalía é un volume de 112 páxinas. O texto inclúe ilustracións de Kristina Sabaite.