Chegoume unha carta que me encheu de ilusión. Propoñíanme un negocio ofrecéndome todos os bens imaxinables. Tan ben redactada que case caio na trampa. Non sería a primeira vez que unhas palabras amables me convencen e logo danme a puñalada, o que me converteu nunha persoa moi desconfiada ante certo tipo de promesas, afagos e adulacións.
Ás veces non é doado decatarse dos enganos que nos fan de viva voz ou por medio da escrita. Promesas envoltas en condicións tan ben artelladas que, sen necesidade de letra pequena, habemos de ler o texto varias veces e con distintos ollos para encontrar o secreto propósito. Máis difícil de descubrir se non coñecemos ó autor e as verdadeiras intencións agochadas no adulador envoltorio; pero para iso están os expertos en interpretación e nas oficinas de espionaxe nunca falta un lingüista para analizar o significado exacto das palabras. Lembro cando aló polos anos da Transición houbera un atentado sen atentador coñecido, pero por unha nota escrita, uns lingüistas apuntaron a unha determinada palabra cuxo uso, con aquel significado, estaba e está moi localizada xeograficamente. Finalmente descubriuse que era un atentado da Tripla A.
Ata agora, agás casos moi concretos sempre foi a intuición o que nos fixo apreciar a intención dunha frase, crer nela ou rexeitala. Algo que non sempre é doado. A intuición é o máis traidor de todos os sentidos, porque carece de lóxica e apoiase na mellor ou menor disposición do suxeito a aceptar a oferta. A intuición é ese valor tan humano polo que nos xogamos a vida como se fose unha lotería, ou escoller os números da fortuna en razón a asuntos tan pouco razoables como unha data emotiva. Quen non cubriu a Primitiva coa data de nacemento dun ser querido?. Pero na era da informática, ata ese fermoso defecto da condición humana está condenado a desaparecer para facernos un pouco máis fríos e cerebrais. Xa está a disposición de quen o necesite un algoritmo para analizar os textos, falados ou escritos, co fin de descubrir se son realmente sentimentais, cariñosos ou mentireiros. E con todo o que nos vai axudar ós incautos, a min dáme medo.
Con el perderemos o encanto da dúbida, as palabras de amor deixarán de ter significado mentres non pasen por este analizador verbal. Acabáronse os intermediarios como a Celestina ou frei Lourenzo de Verona, para axudarnos a interpretar o sentimento alleo ata provocar desenfreadas paixóns. Acabáronse os discursos enaltecidos, porque desde agora todos iremos ós mitins coa aplicación de por medio, como un escudo contra as mentiras, as falacias e as falsas promesas, para quitarlle emoción ós emocionados predicadores. Acabóuselle o choio ós avogados. Calquera con este programa instalado no telemóbil, poderá valorar se o que lle din é viable ou non. Acabaranse os divorcios, os preitos, as discusións de taberna por mor dunha palabra mal pronunciada. Os árbitros non perderán tempo co VAR, só con preguntarlle ó infractor se a falta foi a propósito ou non poderán xulgar. Pero a maiores, será dunha estima imprescindible para escritores sen sentimento, porque poderán analizar os textos para incluír ou excluír as palabras que non cumpren a función desexada. Se o ordenador e o procesador de textos sacaron á luz a unha infinidade de escritores e escribidores, con este programa florecerán os supervendas dirixidos á fibra sensible de cada un de nós, ó tempo que camiñamos cara a perda das emocións.