Herbas para namorar

Francisco Ant.Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

La Voz de Galicia

20 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se para ben ou para mal, como a maioría dos veciños recollerei nas hortas e arredores da casa as herbas de san Xoán, sete herbas olorosas que cumpren o seu cometido de protección da saúde, evitar os feitizos, encamiñar os asuntos crematísticos ou alcanzar o amor desexado. Nada novo desde que o mundo é mundo, desde que os neandertais acompañaban con flores ós seus finados ata o máis moderno ramo de noiva para simbolizar a beleza e a fertilidade. Un ramo que ó final, cando ela xa é esposa, é cedido ou botado en sortes entre as solteiras presentes, como unha maneira máis de transmitir a fortuna do casoiro.

O certo é que as plantas con fins benfeitores, pola súa química ou pola súa simboloxía, teñen presenza ritual ó largo de todo o ano, non temos máis que lembrar as coroas de loureiro e acivro, de folla sempre verde, sempre viva, ou a mesma árbore en Nadal, os ramos da Candeloria para invocar a primavera, os maios elaborados con toxos e xestas na Barbanza e con edras e flores en zonas de Pontevedra, Ourense ou as Mariñas coruñesas, e as mesmas ofrendas relixiosas dos ramos ó patrón parroquial en distintos puntos do país, que o acompañan en procesión como un estandarte máis.

As herbas do Sanxoán veñen sendo o que Plinio no seu día chamaba as herbas solsticiais, cada unha co seu significado e sempre en número impar, contra os feitizos ou para favorecer a concepción que, recollidas no atardecer do día máis longo do ano, suponse que teñen maior poder vital para aportar todos os beneficios que a saúde e a fortuna demandan. Sen saír de Galiza a variedade de plantas e o seu número, así como a maneira de presentalas en cada sitio ten a súa xustificación, desde as tres que se poñen na porta de cada casa en Arteixo, Oroso ou O Pino, entre o san Xoán e o san Pedro, para deixalas logo a secar ata o ano seguinte en que se queimarán a fin de que o seu fume purifique gando e persoas, as espadanas que se colgan nas cortes de Malpica ou as sete plantas que se deixan a macerar en case toda Galiza para lavarse na mañá do día 24 con esa auga olorosa e libre de todo mal.

Con elas, a literatura levoume ata Alexandre Casona e a súa peza teatral La dama del alba, chea de referencias asturianas á noite de san Xoán, onde se lembra o costume dos nosos veciños de deixarlle unha coroa de acivro, carballo, loureiro, espiño e cerdeira na fiestra da amada, como mostra de amor e desexo, despois de empregar a tarde en limpar as fontes. Un costume que se estende polo norte da península, como en Reinosa, onde se confeccionan fermosas coroas con chopo e ameneiro adornadas con fitas de cores e doces para engalanar a fiestra da moza pretendida. Ou ese testo de manjerico (asubiote) a herba dos namorados entre os portugueses, posta no antepeito da fiestra da moza pretendida, só que aquí, a data do galano varía, así en Oporto escollen para amosar o seu desexo o día de san Xoán, pero en Lisboa o mesmo ritual limítase ó santo Antonio.

Mais, tamén en Reinosa, cando a rapaza non gusta ou cae mal, os burlóns que nunca faltan en cada lugar, déixanlle un ramo de ortigas. E é que as plantas tanto poden ser un galano como un veleno.