LOPD

Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

23 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

lei orgánica de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPD), tal e como está redactada e como se aplica, é unha tomadura de pelo aos cidadáns. O que se supón debe ser unha ferramenta de protección para a nosa intimidade, convértese en arma para a defensa de intereses espurios.

A nivel urbanístico, os concellos impiden consultar os expedientes e os proxectos, que por lei son públicos e de acceso e transparencia -como debe ser-, pero moitos alcaldes impiden esa consulta argumentando que o expediente «contén datos persoais» e así favorecendo o ocultismo de toda a vida.

O mesmo sucede cando queres saber en que habitación de hospital se encontra un familiar directo, porque somos considerados sospeitosos, perdéndose o sentidiño. Se intentamos acceder a un servizo determinado, como o de telefonía, obrígannos a marcar un «acepto» en documentos eternos que non lemos, e que nos obrigan a todo, deixándonos nus respecto da compañía, porque cedemos os nosos datos a terceiros interesados en vendernos cousas que non necesitamos. Se o rexeitamos, non nos facilitan o servizo.

Absurdas coleccións de sinaturas son as que nos piden no banco, cada pouco, nas que damos o noso consentimento para accións que non lemos. Chámase acción de adhesión: ou nos adherimos ou non temos dereito a nada. Parece que estou contando unha kafkiana historia pero pódeno comprobar cada vez que se dirixan a unha empresa ou institución. Non somos nada, non somos ninguén e os nosos datos son obxecto de mercado cuxos límites descoñecemos. Outro día falarei da informática.