
Isabel Santos explora a orixe do termo que encabeza este artigo
11 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Sen saír da provincia diríxome cara ao norte, onde unha viva lembranza me sitúa na primeira andaina como docente aló polo 1992, en Baio de Zas: un polideportivo acondicionado como instituto de ensino xunto co agarimo duns compañeiros tan entusiastas coma afectuosos. Toda a paisaxe do Xallas foi un descubrimento e Brandomil, coa súa ponte, unha constatación da abundancia dos restos romanos na nosa terra.
Sobre a orixe deste sonoro nome hai dúas teorías. Na primeira, *brand «brillo da espada» sumado ao segundo formante gótico mêreis «célebre, famoso» estaría na orixe das dúas versións documentadas de Brandimir e Brandomil (nomes con evidentes ecos xermánicos). Na segunda das teorías é preciso botar man de mudanzas fonéticas máis profundas porque traemos a Ptolomeo co seu Glandimiro como o nome dunha mansión romana, lugar de descanso do viaxeiro na presunta vía Per Loca Maritima. A orixe hidrotoponímica indoeuropea viría dada polos formantes *glendos «val dun río» e *mei/m?¯ «suave, maino», nun lugar no que o Xallas non mostra aínda a súa bravura.